O BNG reclamará no Parlamento de Galiza restricións horarias sobre salas de apostas e casinos

Carmela González e Xabier P. Igrexas
Carmela González e Xabier P. Igrexas

A fronte nacionalista alerta de que os horarios que se mantiveron durante semanas, superiores aos dos estabelecementos de ocio nocturno, exerceron un “efecto chamada” sobre a mocidade como se fosen unha alternativa de lecer máis.

Carmela González: “As consecuencias que esta situación produce na sociedade, e na mocidade en particular, son dramáticas, afectando gravemente a súa saúde e a súa economía ou a da súa familia”

Xabier P. Igrexas: “O que necesitaba a mocidade viguesa non era unha sala anexa do casino da Toxa como permitiu de maneira irresponsábel a Xunta do PP, senón políticas que atendan as súas necesidades”

O BNG reclamará no Parlamento de Galiza restricións horarias sobre salas de apostas e casinos

O Bloque Nacionalista Galego anunciou esta mañá na cidade de Vigo que levarán ao Parlamento de Galiza unha iniciativa para reclamar a redución de horarios de apertura de casas de apostas, casinos e bingos.

A deputada, Carmela González, alertou da grave situación que se está a vivir na nosa cidade derivado do feito de que fronte ás restricións de horario e aforo que teñen os locais de ocio nocturno, os locais de xogo e apostas mantiveron durante semanas o mesmo horario que tiñan antes da pandemia, sen restricións, pechando ás 4 da madrugada. “Isto converteu estes locais nos lugares aos que acoden os nosos mozos e mozas cando pechan os pubs, restaurantes, bares e cafeterías as súas portas”, afirmou.

González cuestionou de maneira clara a posición adoptada pola Xunta de Galiza  afirmando que “non abonda cos compromisos de ‘autorregulación’ que nos últimos días se expresaban os empresarios do sector, porque a realidade os desminte”.

Gravísimo perigo social

Pola súa parte, o concelleiro do Bloque na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, advertiu da ameaza que representa a proliferación das casas de apostas. “A nosa cidade se está configurar nun dos espazos que exemplifica o gravísimo perigo que para a mocidade e o conxunto da sociedade representan as salas de apostas e os casinos”, alertou.

Igrexas cualificou estas actividades de  “alternativa tóxica” para a mocidade e de “trampa social para as clases populares e traballadoras”, para os sectores máis empobrecidos que son quen teñen máis risco de acaben atrapadas nas gadoupas da ludopatía. “Non é un negocio máis, nin unha alternativa de lecer. As casas de apostas e os casinos son unha ameaza e un grave perigo para a xente moza”, remarcou.

Neste sentido, o portavoz municipal nacionalista denunciou a responsabilidade directa do Goberno galego nesta situación, afirmando que  “o que necesitaba a mocidade viguesa non era unha sala anexa do casino da Toxa como permitiu de maneira irresponsábel a Xunta do PP”. “O que necesitaba eran alternativas que lles permitan emanciparse, teren un proxecto de vida autónomo, teren a posibilidade de lograr un emprego digno, estábel e con dereitos cun salario que faga posíbel que teñan acceso a unha vivenda. O que precisan as mozas e mozos son alternativas para atender as súas necesidades e non políticas que para favorecer os noxentos intereses privados de escuros grupos empresariais da industria do xogo poñan en risco a súa saúde psicolóxica, a súa economía e mesmo o futuro das súas familias”, arecentou.

Diante disto, a fronte nacionalista reiterou a súa posición “firme” para “poñerlle freo e couto ás casas de xogos” poñendo fin á barra libre que o PP lle ofreceu ao sector do xogo para o converter nunha especie de “after para a última copa”. Con esa finalidade Igrexas subliñou a importancia da iniciativa parlamentar presentada e tamén lembrou que o Bloque leva anos reclamando medidas, tamén a nivel municipal, como o aumento das taxas e impostos sobre este tipo de estabelecementos para facerlles o máis difícil posíbel a súa permanencia na cidade.
 

O BNG reclamará no Parlamento de Galiza restricións horarias sobre salas de apostas e casinos