O BNG ve insuficiente o relevo do xerente da EOXI de Vigo e urxe unha mudanza radical na política sanitaria

IMG_20190530_180929_373
IMG_20190530_180929_373
  • O concelleiro Xabier P. Igrexas cualificou de “nefasta” a xestión de Felix Rubial á fronte da xerencia integral da EOXI, salientando o seu papel na implantación do modelo privatizador imposto no Hospital Álvaro Cunqueiro.
  • A fronte nacionalista advirte de que os problemas da sanidade non se van resolver relevando os seus “executores”, e urxe á Xunta do Partido Popular a desistir da súa política de desmantelamento e recorte en favor dunha “sanidade pública, gratuíta, universal e de calidade”.
O BNG ve insuficiente o relevo do xerente da EOXI de Vigo e urxe unha mudanza radical na política sanitaria

Após se dar a coñecer a decisión de relevar o actual responsábel da xerencia integrada da EOXI de Vigo, o BNG advirte que “os problemas que xera a nefasta política sanitaria do Partido Popular non se van resolver cun cambio nos seus executores” e defendeu que “o que cómpre con urxencia, e tal e como ten demandado de maneira masiva a cidadanía de Vigo, é unha mudanza radical nas políticas privatizadoras e de recorte”. Así o valorou esta mañá o portavoz municipal nacionalista, Xabier P. Igrexas, para quen a saída de Félix Rubial da xerencia "é unha boa noticia”. 

Xestión nefasta

O concelleiro describiu a xestión de Rubial á fronte da sanidade viguesa como “nefasta”. “Limitouse a ser o executor, o ‘brazo armado’ dunhas políticas deseñadas polo Partido Popular e que só tiñan por obxectivo desmantelar a sanidade pública nunha área tan importante como é Vigo”, engadiu. En relación ao papel desempeñado polo agora ex xerente durante os últimos catro anos, Igrexas subliñou que “o seu principal ‘mérito’ foi ser o executor que axudou a perpetrar a imposición do modelo privatizador no hospital Álvaro Cunqueiro”. 

O edil nacionalista criticou tamén a falla de talante de Rubial de quen dixo que actuou sempre “desde a total cerrazón e a nula capacidade de diálogo”, tanto coas organizacións sindicais como cos seus propios colegas con responsabilidades sanitarias, como demostrou a demisión en bloque da práctica totalidade dos xefes e xefas de servizo de Atención Primaria.

Mudanza radical

Para exemplificar con aspectos concretos a mudanza radical que o BNG exixe no ámbito sanitario, Igrexas botou man dalgunhas decisións moi recentes adoptadas, precisamente, pola xerencia cesada. En concreto aludiu ao feche de case o trinta por cento das camas hospitalarias da Área de Vigo durante o período estival, co que para a Xunta do  PP “os vigueses e as viguesas non temos dereito a enfermar en verán”, á decisión de deixar sen pediatría os centros de saúde de Coruxo e  Matamá durante as próximas semanas e a resolución de adscribir forzosamente a atención pediátrica de tarde de moitos millares de crianzas viguesas ao xa saturado Punto de Atención Continuada, malia non contar con ningún nin ningunha médica especialista en pediatría. Ademais, o concelleiro nacionalista puxo o foco “na vergoñenta situación de colapso que padece o conxunto da Atención Primaria” e que fica lonxe de resolver. O BNG xa cualificara hai poucos días de “nova tomadura de pelo” a decisión da Xunta de atrasar novamente a construción do centro de saúde de Bouzas que ficará reducido á metade nos seus servizos.

“Se ben nos pode alegrar a saída de Rubial, polo que representou a súa xerencia, o que urximos desde o BNG é que o Partido Popular de Feixóo poña fin, dunha vez por todas a esa política sanitaria coa que se pon en risco a saúde das viguesas e dos vigueses, e tamén a do conxunto das galegas e dos galegos”, reclamou Igrexas que chamou, en troca, a “apostar dunha vez por todas por termos unha sanidade pública, gratuíta, universal e de calidade”.