O BNG de Vigo chama a apostar no comercio local fronte ao modelo “depredador e especulativo” das grandes áreas comerciais

  • O concelleiro, Xabier P. Igrexas, e o deputado, Luís Bará, realizaron un reparto informativo da campaña nacional do Bloque e visitaron o mercado do Progreso.
  • A fronte nacionalista reclama unha moratoria de dez anos na concesión de novas licenzas para macroáreas e demanda un maior apoio de Concello e Xunta ao pequeno e mediano comercio da cidade.
O BNG de Vigo chama a apostar no comercio local fronte ao modelo “depredador e especulativo” das grandes áreas comerciais

No marco da campaña nacional sob o lema “Compra no comercio local, merca produtos galegos: Galiza saíra gañando” o BNG de Vigo realizou esta mañá un reparto informativo e unha visita ao mercado do Progreso, na que participaron o concelleiro, Xabier P. Igrexas, e mais o deputado no Parlamento galego, Luís Bará. 

SAVE_20191220_191111Igrexas reclamou “unha aposta clara polo comercio local que vertebra a cidade, dinamiza os nosos barrios e parroquias e crea emprego estábel fronte ao modelo depredador e especulativo das grandes áreas comerciais”. Neste sentido, o portavoz municipal nacionalista afeou ao Goberno local que insista en facilitar a proliferación de novos centros. “Defender o pequeno e mediano comercio é incompatíbel con seguir a instalar grandes áreas” reprochou en alusión aos proxectos de Cruceiro, Recaré ou Vialia. 

Neste sentido, Igrexas asegurou que comparte as críticas do alcalde da cidade ao outlet organizado no Ifevi hai poucos días polo seu “claro impacto negativo” no pequeno e mediano comercio. No entanto, o edil nacionalista advertiu que o verdadeiramente perigoso é “facer da cidade un outlet permanente con máis e máis centros comerciais” polo que volveu instar a aplicar unha moratoria de dez anos na concesión de novas licenzas para grandes superficies comerciais. 

O BNG de Vigo tamén demanda que o Concello despregue un apoio continuado ao pequeno e mediano comercio para o que xulgan “absolutamente ridícula” a partida de 50 mil euros consignada para esta finalidade nos orzamentos municipais do vindeiro ano 2020. Aliás, denuncian que a Mesa Local de Comercio leva moitos anos sen se reunir.

Pola súa banda, o deputado do BNG no Parlamento galego, Luís Bará, advertiu da ameaza que representan “tanto as grandes áreas como o fenómeno do comercio electrónico”. Un modelo ao que contrapuxo a necesaria promoción dos produtos galegos e do tecido comercial propio e denunciou que as políticas fiscais e económicas do PP están a ameazar a supervivencia do comercio local. Bará cargou tamén contra o “pelotazo especulativo” que promove o Partido Popular no Concello de Mos co desenvolvemento da chamada cidade deportiva do Celta. 

Medidas a prol do comercio local e os produtos galegos

Entre as medidas que propoñen desde a fronte nacionalista inclúense campañas para incentivar a compra de produtos locais e galegos, con promoción da etiquetaxe en lingua galega, aplicar unha moratoria na instalación de grandes superficies comerciais, recuperar e dinamizar os mercados municipais e zonas comerciais tradicionais, promover a produción alternativa e ecolóxica, unha mellor regulación dos horarios comerciais, o estabelecemento de liñas de crédito para o comercio de proximidade ou a creación de axudas para estabelecementos que comercialicen produtos galegos. 

Con estas medidas prentende “prestixiar os nosos produtos primarios e por facilitar a súa comercialización co obxectivo de que as persoas produtoras obteñan o máximo beneficio, e que a actividade agraria, a súa transformación e comercialización sexan un elemento de xeración de emprego e dinamización económica”.“Temos comercio e produtos de primeira. Reivindicamos a artesanía, a música, os libros, os xoguetes non sexistas, feitos na Galiza e reinvestidos na economía local”, defenden.