O BNG de Vigo critica con dureza que o alcalde negue o problema das persoas sen teito na cidade

orzamentos 01
  • Xabier P. Igrexas: “Só un sociópata ou un cínico de record Guinnes pode afirmar que as persoas que dormen na rúa fano porque queren. É rotundamente falso”
  • A fronte nacionalista lembra que segundo o propio albergue municipal no primeiro semestre deste ano durmiron 342 persoas diferentes malia só dispor de 38 camas.
O BNG de Vigo critica con dureza que o alcalde negue o problema das persoas sen teito na cidade

VIGO, 11 de decembro de 2019.- O Bloque Nacionalista Galego criticou esta mañá con dureza as declaracións realizadas polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, nas que se reiteraba en afirmar que na cidade “as persoas que dormen na rúa fano porque queren”, asegurando que hai días nos que fican camas libres no albergue municipal. “Só un sociópata ou cínico de record Guiness pode afirmar iso. É absoluta e rotundamente falso”, retrucou o concelleiro do Bloque na cidade olívica, Xabier P. Igrexas.

Igrexas botou man de datos oficiais do propio Concello de Vigo para refutar a afirmación do rexedor. No concreto, lembrou que no informe do albergue municipal do primeiro semestre de 2019 recóllese que durmiron nas súas instalacións 342 persoas diferentes. “342 persoas sen teito para un albergue que conta con apenas 38 camas. Esa é a realidade social”, subliñou. Desde a fronte nacionalista lembran a insuficiencia do servizo que presta o albergue e as deficiencias que teñen sido reiteradamente denunciadas no seu funcionamento. “O que podía explicar Abel Caballero é que no albergue municipal só se pode durmir un máximo de 10 días cada mes”, apuntan.

Para o portavoz municipal nacionalista é inaceptábel negar a emerxencia social da cidade e inda máis “pretender culpabilizar as persoas excluídas da súa situación” xa que a causa real é a falla de alternativas por parte das administracións. A este respeito propúxolle ao alcalde “pasar unha noite á fresca, durmindo por exemplo na acampada que ten diante do Concello para ver a realidade e deixar de dicir parvadas ofensivas”. Igrexas lamentou que o Goberno municipal incorra nun discurso “aporofóbico, de odio ás persoas pobres, e antisocial”, que considera “máis propio de alcaldes fachas que de gobernos que se reivindican progresistas”.

Redobrar esforzos

Desde a fronte nacionalista chaman a redobrar esforzos en políticas sociais recoñecendo que non se trata dunha competencia exclusiva do Concello. “O BNG sempre denunciamos con contundencia a inacción da  Xunta en materia de política social e esiximos que o Goberno de Feixóo deixe de abandonar a cidade para enfrontar a situación de emerxencia social que vivimos”, lembran.

No entanto, o edil nacionalista apuntou que “o primeiro dereito de toda cidadá e de todo cidadá é o de poder habitar a propia cidade, o de ter un teito baixo o  que vivir e iso en Vigo non está garantido por máis que o negue Abel Caballero”, e citou os exemplos “dramáticos” de persoas que “malmorreron” nun choupano ou na rúa nunha cidade que conta con 267 millóns de euros de orzamento municipal.

Para mellorar o servizo que presta o actual albergue demandan convertelo nun Centro de  Emerxencia Social con medidas como aumentar o seu número de prazas, o tempo de estancia, dotalo de habitacións individuais, que se permita o acollemento de animais de compañía, un plan para a súa mellor integración na súa contorna urbana e reforzar os servizos de apoio e asesoramento cunha equipa multidisciplinar en materia de inclusión social.

O BNG de Vigo critica con dureza que o alcalde negue o problema das persoas sen teito na cidade