O BNG de Vigo critica o proxecto de orzamentos municipais por “desatender as necesidades reais da cidade”

Xabier P. Igrexas, Portavoz municipal do BNG
Xabier P. Igrexas, Portavoz municipal do BNG

A fronte nacionalista anuncia que presentará emendas, en colaboración co tecido asociativo fronte a un presuposto que “volve concentrar o investimento en cemento”.

Xabier P. Igrexas: “Estes orzamentos non son da cidade, son só as contas de Caballero e o PSOE”.
O BNG de Vigo critica o proxecto de orzamentos municipais por “desatender as necesidades reais da cidade”

O BNG fixo pública esta mañá a súa valoración das liñas xerais do orzamento do Concello e Vigo para o vindeiro 2020. En rolda de prensa, o portavoz municipal do Bloque, Xabier P. Igrexas, criticou o proxecto orzamentario por ter sido elaborado “sen a máis mínima participación” e por seren unhas contas continuistas que teiman en concentrar os investimentos “en cemento”. “Parece que este goberno só quere gastar diñeiro público en cuestións inaugurábeis e que poidan ter rédito propagandístico e electoral”, reprochou.

Necesidades reais

Igrexas centrou as súas críticas denunciando que os orzamentos propostos “desatenden as necesidades reais das viguesas e os vigueses e dos barrios e parroquias”.

No concreto, o edil nacionalista aludiu á falla de políticas de vivenda, pola negativa do Goberno a promover un parque municipal de vivenda social malia existir na cidade 4.700 persoas demandantes de vivenda protexida.

En relación ao emprego, que cualificou como “o maior problema da cidade con 24 mil parados e paradas e 7.100 empregos menos que en 2009”, Igrexas lamentou que se vaia destinar menos recursos ao Plan Municipal de Emprego “dos que se van gastar bo alumeado de nadal e os canóns de neve artificial”.

Desde o Bloque critican tamén a insuficiencia da partida dedicada ao chamado “cheque social” do que lembran unha de cada tres solicitudes non obtivo axuda este ano.

Outro dos ámbitos que preocupan ao BNG é a falla de prazas públicas nas escolas infantís municipais. “Con estas contas a rede municipal non aumentará nin unha soa praza”. Tampouco se destinan recursos adicionais para atender a “necesidade urxente” de mellorar o transporte urbano.

Emendas en positivo

Diante destas contas a fronte nacionalista anunciou que xa están a traballar na elaboración de emendas, en diálogo co tecido asociativo “co que o alcalde se nega a falar” e con propostas en positivo. “Queremos que o Concello dedique os seus recursos, que superarán o vindeiro ano os 267 millóns, a atender as necesidades reais da veciñanza”, resumíu.

Moción Povisa

Por outra parte, o BNG deu conta da moción que presentarán no vindeiro Pleno e na que reclamarán a absorción de Povisa polo Sergas para “garantir o dereito das viguesas e vigueses a unha atención sanitaria 100% pública, universal, gratuíta e de calidade”.