O BNG de Vigo cualifica de “covardía irresponsábel” que o PSOE se negase a debater a moción de urxencia sobre as irregularidades no mercado de nadal na praza de Compostela

DSC_032522
  • O grupo municipal socialista vetou que se puidese debater a moción na que se alertaba de que nos postos gastronómicos do mercado non se cumpren as normas hixiénico-sanitarias.
  • O Bloque critica tamén que PSOE e PP uniran os seus votos para tombar a moción nacionalista sobre “o drama da emigración galega”.
  • Igrexas formulou no Pleno unha cuestión de orde polo incumprimento do Regulamento ao decidir o alcalde que o PSOE intervise dúas veces no debate de aprobación definitiva dos orzamentos.
O BNG de Vigo cualifica de “covardía irresponsábel” que o PSOE se negase a debater a moción de urxencia sobre as irregularidades no mercado de nadal na praza de Compostela

O BNG lamentou a decisión do grupo municipal socialista de impor na sesión de hoxe a súa maioría absoluta no Pleno para impedir que se debatese a moción de urxencia presentada pola fronte nacionalista, a respeito das graves irregularidades denunciadas no mercado de nadal instalado na praza de Compostela. Para o concelleiro, Xabier P. Igrexas, o veto socialista é “unha covardía irresponsábel”.

“O Goberno municipal tiña a oportunidade de aclarar no máximo organismo democrático da cidade as graves denuncias que envolven o mercado, pero decidiron meter o asunto debaixo da alfombra. A cidadanía ten dereito a que o alcalde explique se se están a cumprir ou non as medidas hixiénico-sanitarias nos postos gastronómicos dun mercado que el mesmo autorizou”, afeou o portavoz nacionalista.

Para Igrexas ese “silencio para fuxir de dar explicacións” engade inda maior preocupación sobre o funcionamento do mercado de nadal e se este se axusta tanto ás bases de adxudicación do propio Concello como da normativa de aplicación. “Que pasaría se estas denuncias en lugar de ser sobre o mercado autorizado polo Concello fosen referidas ás foodtrucks que instalou á Xunta no porto?  Que diría entón o grupo socialista?”, inquiriu.

Banalización do drama da emigración

Por outra parte, o concelleiro nacionalista criticou tamén que PSOE e PP volveran unir os seus votos para rexeitar a moción do BNG, proposta pola Plataforma Social Vía Galega, demandando políticas que favorezan a creación de emprego digno e o retorno da poboación galega emigrada. “PP e PSOE banalizaron de maneira insultante a emerxencia social e nacional que representa o drama da emigración atrevéndose mesmo a negar o alcance do problema”, reprochou Igrexas lembrando que nos últimos 10 anos “foron expulsadas do noso País máis de 216 mil persoas, entre elas 80 mil mozas e mozos, por falla de oportunidades laborais”.

O edil lamentou que “máis unha vez e vai camiño de se tornar algo habitual” populares e socialistas unan os seus votos para tombar unha moción do Bloque. “Vese que a súa lea é aparencial, porque despois no importante están sempre de acordo”, acrecentou. Aliás, denunciou as contradicións de ambos partidos que en plenos doutros concellos si que votaron favorabelmente a moción.

Incumprimento do regulamento

O BNG tamén tivo que formular unha cuestión de orde durante o desenvolvemento da sesión plenaria polo flagrante incumprimento do Regulamento Orgánico do Pleno por parte do alcalde ao outorgar unha quenda “dupla” de intervención ao grupo socialista no debate sobre a aprobación definitiva dos orzamentos municipais de 2020.

A este respeito o regulamento é “rotundamente claro” recollendo no seu artigo 55.2 que tras a intervención por parte do concelleiro e concelleira do Goberno “(...) os diversos Grupos, con excepción do grupo ao que estean adscritos os membros do goberno municipal, de menor a maior, consumirán unha quenda de cinco minutos que materializarán a través da intervención de un só concelleiro (...)”. No caso concreto, o PSOE só debería ter realizado unha intervención inicial e outra de feche por parte do concelleiro de facenda, Jaime Aneiros, mais non se debeu permitir unha segunda intervención adicional por parte do portavoz municipal socialista, Carlos  López Font.

“Asistimos cada día a como o PSOE utiliza a súa maioría absoluta e unha interpretación sesgada do regulamento para tentar esmagar as forzas políticas da oposición, e agora pretenden duplicar o seu tempo de intervención vulnerando o propio regulamento. O alcalde limitou a 3 minutos o tempo de intervención do BNG, mentres lle concedeu ao resto de grupos da oposición 10 minutos, e ao PSOE un total de 23, deixando claro o seu talante antidemocrático”, argumentou Igrexas.

O BNG de Vigo cualifica de “covardía irresponsábel” que o PSOE se negase a debater a moción de urxencia sobre as irregularidades no mercado de nadal na praza de Compostela