O BNG de Vigo demanda un apoio real e práctico á lingua galega na cidade

Chaman a coñecer e ler a obra de Carvalho Calero e animan ás viguesas e os vigueses a facer uso da nosa lingua propia.

A fronte nacionalista critica que o alcalde e outros membros do Goberno municipal incumpran reiteradamente a Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística que fixa o galego como idioma oficial do Concello de Vigo.

Xabier P. Igrexas: “O mellor xeito de protexer e poñer en valor o noso idioma é poñelo en práctica, é usalo”.

O BNG de Vigo demanda un apoio real e práctico á lingua galega na cidade

Na véspera do 17 de maio, Día das Letras Galegas, o Bloque Nacionalista Galego demanda un apoio “real e práctico” á lingua galega en Vigo. O concelleiro, Xabier P. Igrexas, fai un chamado ás viguesas e vigueses a coñeceren e leren a obra do profesor Ricardo Carvalho Calero. Desde a fronte nacionalista animan a toda a veciñanza a faceren uso da lingua propia de Galiza. “O mellor xeito de protexer e de poñer en valor o noso idioma é poñelo en práctica, é usalo”, proclama Igrexas.

CARVALHO BNG VIGOA fronte nacionalista demanda de todas as administracións públicas un maior respeito cara a nosa lingua e un maior compromiso para estender o seu uso social. “Cómpre que o Goberno español recoñeza o carácter plurinacional e plurilingüe do Estado e urxe que a Xunta do Partido Popular poña fin á súa política lingüicida e galegófoba coa que leva esmagando nos últimos once anos a nosa lingua propia” esixiu Igrexas quen reivindicou o dereito a “vivirmos plenamente no noso idioma”.

Incumprimento da ordenanza municipal

No ámbito municipal o Bloque reclama, como primeiro paso, o cumprimento da ordenanza municipal de Normalización Lingüística, aprobada por unanimidade en 1988 e que determina que, no seu artigo primeiro que o galego é o idioma oficial do Concello de Vigo. Neste sentido, Igrexas afeou que non se atenda o recollido no seu artigo XI no que se dita que “Os cargos do Concello expresaranse normalmente en galego nos actos públicos celebrados en Galiza, sempre que a intervención sexa por razón do propio cargo”.

“Non podemos entender nin aceptar o desprezo diario contra o galego que practican altos responsábeis do Goberno municipal, a principiar polo alcalde, que nas súas comunicacións públicas, nas súas roldas de prensa ou nas súas intervencións exprésanse só en español”, criticou o edil nacionalista. “O galego non é unha lingua cerimonial para usala apenas nas sesións plenarias, onde por certo segue habendo portavoces que non respeitan esta ordenanza”, remachou.

“Para alén do retórico o compromiso coa lingua galega ten que se materializar na práctica diaria”, sentenza Igrexas facendo un chamamento a secundar a convocatoria da Plataforma Queremos Galego de accións nos balcóns e nas redes sociais este domingo.

O BNG de Vigo demanda un apoio real e práctico á lingua galega na cidade