CORONAVIRUS

O BNG de Vigo demanda que o Goberno local aclare os límites de aforo e reforce os buses urbanos

[Imaxe: @elnicopato]
[Imaxe: @elnicopato]

Lembran que levan semanas pedindo que se actúe para aumentar as garantías hixiénico-sanitarias nos buses e reducir o risco de contaxios.

Xabier P. Igrexas: “Non podemos permitir que os buses circulen cun número de pasaxeiros e pasaxeiras que impide gardar a máis mínima distancia interpersoal, e que fai practicamente imposíbel evitar o contacto físico entre persoas”

O BNG de Vigo demanda que o Goberno local aclare os límites de aforo e reforce os buses urbanos

O Bloque Nacionalista Galego demandou esta mañá que o Goberno local aclare cales son os límites de aforo nos buses urbanos da cidade de Vigo e que adopte as medidas para garantir que se respeitan. Aliás, a fronte nacionalista volveu reclamar que se reforce con máis buses as liñas e frecuencias de maior demanda para evitar amoreamentos e garantir as mellores condicións preventivas fronte á Covid19.

O concelleiro, Xabier P. Igrexas, lembrou que desde o inicio da pandemia o Bloque formulou un número moi importante de propostas ao Comité de Seguimento Municipal da Covid19 en relación ao transporte urbano. “O bus urbano é un servizo esencial para a cidade e desde o primeiro momento instamos de maneira reiterada a que se adoptasen as medidas que foren precisas para facelo seguro”, explicou.

Igrexas subliñou que o pasado mes de agosto a fronte nacionalista xa advertiu expresamente ao Goberno municipal de que unha vez rematado o período estival, coa reincorporación á actividade laboral e o inicio do curso académico, era “máis que previsíbel” un aumento importante do número de usuarios e usuarias. “A situación que se produciu onte, onde a policía local tivo que dar o alto a un autobús e desaloxar a parte da súa pasaxe, confirma o que levamos semanas a denunciar”, enfatizou.

O portavoz municipal nacionalista advertiu tamén de que, segundo a información da que dispoñen, a dirección da empresa concesionaria, Vitrasa, asegura non ter que cumprir os límites legais de aforo ditados por se tratar de buses urbano e que o persoal non ten constancia formal de cal foi o límite de aforo comunicado desde o Concello. “Trátase dun servizo municipal e por iso esiximos que o Goberno local aclare de maneira inmediata cal é o aforo máximo e que tome as medidas necesarias para que se respeite”, demandou.

“Non podemos permitir que os buses circulen cun número de pasaxeiros e pasaxeiras que impide gardar a máis mínima distancia interpersoal, e que fai practicamente imposíbel evitar o contacto físico entre persoas, aumentando o risco de contaxio e a exposición tanto de usuarias e usuarios como do persoal condutor”, explicou Igrexas. 
 

O BNG de Vigo demanda que o Goberno local aclare os límites de aforo e reforce os buses urbanos