O BNG de Vigo demanda que o Goberno municipal desista da privatización dos pavillóns deportivos da cidade

imd
[Imaxe: Vigoé]

A fronte nacionalista instará nas Comisións Informativas do Pleno, que terán lugar mañá mércores, que se retire o proceso de licitación aberto e que se adopten as medidas precisas para aumentar o persoal municipal que atende as instalacións deportivas.

O BNG de Vigo demanda que o Goberno municipal desista da privatización dos pavillóns deportivos da cidade

VIGO, 1 de setembro de 2020.-  O Bloque Nacionalista Galego expresou o seu total rexeitamento á intención do Goberno municipal de privatizar a atención de 15 pavillóns e instalacións deportivas da cidade. O concelleiro, Xabier P. Igrexas, anunciou que nas Comisións Informativas do Pleno que se celebrarán este martes 2 de setembro, a fronte nacionalista instará a retirada definitiva do proceso de licitación aberto e que fica paralizado por resolución do TACGAL.

Desta maneira, as nacionalistas reclaman que as necesidades de máis persoal se cubran desde o público. “Estes pavillóns e instalacións foron sempre atendidos por traballadoras e traballadores do IMD, e non hai ningunha razón para privatizar a xestión de instalacións que son públicas”, defende Igrexas.

O portavoz municipal nacionalista criticou o modelo “privatizador” no que aposta o Goberno municipal de Abel Caballero. “É claro que para o actual goberno o público non é importante e toma decisións, coma esta, que só buscan converter en negocio privado o que é un servizo municipal”, reprochou. Aliás, Igrexas, advertiu de que a experiencia sinala que en moitos casos estas fórmulas de xestión indirecta acaban por “reducir o servizo que se presta e se traducen en precariedade laboral”.

“O que ten que facer o Goberno municipal, que ten pendente a execución de ofertas públicas de emprego desde hai varios anos por puro desleixo, é reforzar con máis persoal municipal o servizo de deportes”, remachou.

O BNG de Vigo demanda que o Goberno municipal desista da privatización dos pavillóns deportivos da cidade