O BNG de Vigo demanda máis vivenda protexida no ámbito do Barrio do Cura

A fronte nacionalista abstívose na aprobación inicial da modificación puntual do PXOU debatida no Pleno de hoxe, condicionando o seu voto na ratificación definitiva a que se atendan as alegacións que van presentar.

O concelleiro, Xabier P. Igrexas, criticou que se opte por unha "modificación ad hoc" cando en poucos meses o Goberno municipal ten que presentar o borrador do novo PXOM.

O BNG de Vigo demanda máis vivenda protexida no ámbito do Barrio do Cura

No debate plenario desta mañá a respeito da proposta de modificación puntual do PXOU do 93 para o ámbito do Barrio do Cura, o Bloque Nacionalista Galega abstívose condicionando a súa posición na aprobación definitiva, após o período de exposición pública, a que se atendan as alegacións que presentarán para mellorar o planeamento.

O concelleiro, Xabier P. Igrexas, expresou o acordo do BNG coa necesidade dunha "intervención pública" nun ámbito que padece desde hai décadas o abandono e unha grave degradación. No entanto, Igrexas cuestionou que o Goberno municipal optase por promover unha modificación puntual cando faltan poucos meses para que se presente o borrador do novo PXOM. "Estamos ante un novo parche ad hoc, con este urbanismo a cachos que practica o PSOE para facilitar unha operación detrás da que hai intereses poderosos", criticou. Neste sentido, o edil lembrou que durante o período no que estivo en vigor o PXOM anulado, entre 2008 e 2015, "nese ámbito non se moveu unha pedra", polo que desde o Bloque entenden que non hai motivos reais de interese público que xustifiquen a urxencia dun procedemento "á carta".

Por outra parte, a fronte nacionalista expresou as súas reservas sobre a modificación puntual toda vez na súa tramitación e avaliación non se tiveron en conta algunhas das alegacións veciñais a respeito tanto de cuestións ambientais como de protección patrimonial. Igrexas fixo mención á deficiente catalogación do arborado e da fauna presente no ámbito e a que se obviase a afectación do acuífero da Barroca. Tamén aludiu á posíbel afectación sobre a declaración de BIC do Casco Vello diante das dúbidas leais da cualificación de "zona de respecto" e á deficiente análise valorativa dalgunhas das edificacións existentes, nomeadamente no referido á súa antigüidade.

Escasa vivenda protexida

O portavoz nacionalista subliñou que o principal atranco para poderen apoiar a modificación puntual é a escaseza de reserva de vivenda protexida. "Vostedes din que é dun 30% no papel, pero na realidade falamos de que só haberá 36 vivendas protexidas dun total de 400. E isto nunha cidade con 4.700 persoas rexistradas como demandantes deste tipo de vivendas", afirmou. Igrexas criticou tamén a renuncia a utilizar o aproveitamento lucrativo que lle corresponde ao Concello no desenvolvemento deste ámbito urbanístico para elevar precisamente o número de vivendas protexidas.

"O BNG defendemos que o desenvolvemento urbanístico da cidade ten que servir para atender as necesidades sociais da veciñanza, non para legalizar urbanizacións VIP a prezos privativos como a que queren legalizar no Barrio do Cura", acrecentou.

Réplica a María José Caride

Igrexas tamén quixo replicar a intervención da concelleira María Jose Caride na que pretendeu ridiculizar as consideracións sobre cuestións ambientais, ironizando con que a preocupación do BNG sobre a fauna na zona fose "polas ratas que había antes das demolicións". "Vemos como o compromiso ambiental do PSOE é de quita e pon. Uns días disfrázanse de ecoloxistas e ao seguinte queren impor os intereses especulativos por acima de todo", asegurou o concelleiro.

"O que é claro é que as 'ratas' que non lle preocupan a Caride nin a Caballero son as de pescozo branco e maletín que ven a cidade só como unha fonte de lucro", retrucou aludindo os intereses especulativos.