O BNG de Vigo demandará que o "non" a Porto Cabral sexa firme e definitivo no novo PXOM

porto cabral
  • O concelleiro, Xabier P. Igrexas, instará no Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo que se dea instrución ao equipo redactor do novo PXOM para que desafecte o monte comunal do ámbito de Liñeiriños.
  • A fronte nacionalista reitera a aposta por crear en Cotogrande unha grande “reserva forestal” para protexer os montes como “pulmón verde” da cidade.
O BNG de Vigo demandará que o "non" a Porto Cabral sexa firme e definitivo no novo PXOM

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, celebrou esta mañá a decisión da Xerencia Municipal de Urbanismo de inadmitir a solicitude dos promotores privados do proxecto de macrocentro comercial e de lecer, Porto Cabral, para se acolleren á ordenación provisional."É evidente o despropósito desa solicitude pro parte de quen non tiña ningunha titularidade nin dereito sobre os terreos afectados e para un proxecto que, tal e como viña xa recollido no anulado PXOM do 2008, só podería ser un proxecto de promoción e iniciativa pública!", razoou o portavoz nacionalista.

No entanto, Igrexas instou o Goberno municipal a "dar un paso máis" para lograr "que esa negativa se faga firme e definitiva". A tal fin o BNG demandará no Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo convocado para mañá, martes, que se dea instrución ao equipo redactor do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para que no ámbito de Liñeiriños se desafecte o monte comunal. "Non queremos que se dedique nin un só metro de monte en man común en Liñeiriños a outro uso que non sexa o de constituírmos unha reserva forestal en Cotogrande coa que poñer en valor, revitaliza e protexer o pulmón verde da cidade que son os nosos montes", defendeu.

Para as nacionalistas non abonda coa "negativa administrativa" polo que urxen unha "posición política". "O que lle reclamamos ao PSOE é que sexa coherente, e que coa mesma vehemencia que di non ao pelotazo da cidade deportiva do Celta de Mos, faga que no novo PXOM non sexa posíbel proxectos especulativos en monte comunal. En resumo que lle diga un non definitivo a Porto Cabral", remachou Igrexas.

O BNG de Vigo demandará que o "non" a Porto Cabral sexa firme e definitivo no novo PXOM