O BNG de Vigo denuncia que 6 de cada 10 solicitudes nas escolas infantís municipais ficaron sen praza

escola

Xabier P. Igrexas: “As familias viguesas fican sen praza un ano, e outro, e outro, pola falla de vontade política tanto do Goberno municipal de Caballero como da Xunta de Feixóo”

A fronte nacionalista anunciou que volverá demandar que nos orzamentos de 2021, Concello e Xunta, destinen os recursos necesarios para poñer en marcha 6 novas escolas infantís en Vigo (3 municipais e outras tantas de titularidade autonómica).

O BNG de Vigo denuncia que 6 de cada 10 solicitudes nas escolas infantís municipais ficaron sen praza

O Bloque Nacionalista Galego denunciou esta mañá que preto de seis de cada dez solicitudes de praza nas escolas infantís municipais da cidade de Vigo ficaron sen ela. O concelleiro, Xabier P. Igrexas, lamentou que esta situación foi provocada pola “falla de vontade política” do Goberno municipal que nos último anos non creou ningunha soa praza nova, e tamén do “total abandono” da Xunta de Galiza.

As listas de admisión definitiva, publicadas polo propio Concello de Vigo, recollen que “hai 450 nenas e nenos sen praza, fronte a apenas as 343 que a lograron nalgunha das 8 escolas infantís municipais”, alertou Igrexas que subliñou que esta cuestión é “unha das principais preocupacións das familias viguesas”.

O portavoz municipal nacionalista lembrou que o BNG leva anos a demandar a ampliación da rede de escolas municipais. Nese sentido, apuntou que no debate de orzamentos municipais deste exercicio 2020 unha das emendas nacionalistas demandaba a creación de tres novos centros, en Balaídos, Teis e O Calvario, unha petición que foi rexeitada polo PSOE. A fronte nacionalista tamén demandou, a través de emendas aos orzamentos galegos, que a Xunta de Galiza construíse outras tres escolas infantís públicas na cidade, topando a oposición do Partido Popular.

Orzamentos 2021

“As familias viguesas fican sen praza un ano, e outro, e outro, pola falla de vontade política tanto do Goberno municipal de Caballero como da Xunta de Feixóo”, criticou Igrexas que enfatizou que as escolas infantís son “un servizo esencial para a conciliación familiar”. Emporiso, o edil nacionalista anunciou que o Bloque volverán demandar de Concello e Goberno galego que os seus orzamentos para 2021 recollan as partidas necesarias para alargar a oferta pública de prazas de escolas infantís, con seis novos centros (tres municipais e tres de titularidade autonómica).

O BNG de Vigo denuncia que 6 de cada 10 solicitudes nas escolas infantís municipais ficaron sen praza