O BNG de Vigo denuncia a perforación de fachadas catalogadas en Elduayen

As perforacións, dentro dos traballos para o túnel, realizáronse sen coñecemento da veciñanza e non contaban coa autorización necesaria.

O concelleiro, Xabier P. Igrexas, demandou que o alcalde dea instrución para paralizar eses traballos.

Cando menos catro das fachadas afectadas correspóndense con edificios catalogados como BIC e que gozan de especial protección patriominial.
O BNG de Vigo denuncia a perforación de fachadas catalogadas en Elduayen

O Bloque Nacionalista Galego denunciou que está mañá operarios da empresa Civis Global realizaron perforacións nas fachadas de varios edificios da rúa Elduayen, sen teren informado á veciñanza e sen contar con autorización.

Varios destes inmóbeis son edificios catalogados e gozan de especial protección polo que sería preceptivo o permiso de Patrimonio. As perforacións, que estarían destinadas á instalación de controis topográficos para comprobar posíbeis movementos nas fachadas por causa das obras, acometéronse en como mínimo oito edificios, segundo puido coñecer a fronte nacionalista por parte das persoas afectadas. Aliás, os números 10, 12, 22 e 32 da rúa Elduayen están catalogados como Bens de Interese Cultural (BIC) e gozan, polo tanto, de especial protección. Estas actuacións terían sido recollidas en diferentes atestados policiais, por requirimento das titulares das vivendas afectadas.

O concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas, cualificou de “intolerábel” esta actuación que se inscribe nos traballos para a tunelación de Elduayen dentro do proxecto de peonalización da Porta do Sol. “Están a perforar fachadas protexidas e nin tan sequera falaron coas propietarias e propietarios. A xente enterouse polo ruído dos taladros”, denunciou.

Igrexas anunciou que hoxe dirixirá un escrito ao alcalde da cidade para demandar que dea “instrución de inmediato para poñer fin a estas actuacións até que conten cos
permisos necesario”. “É claro que por capricho estase a forzar o inicio das obras pero non se pode pasar por riba de todo, nin da veciñanza nin da protección do noso patrimonio”, remachou.