O BNG de Vigo esixe que a Xunta propoña o cesamento inmediato de López Veiga após a desestimación xudicial do seu recurso contra Vulcano

Xabier P. Igrexas: "O único afán nos últimos meses do popular López Veiga foi sabotar e boicotear por todos os medios a posibilidade de evitarmos a desaparición definitiva de Vulcano” 

A fronte nacionalista demanda que nas medidas económicas post-Covid Xunta e Goberno español sumen esforzos nunha intervención pública que permita apuntalar o futuro do sector naval.  

O BNG de Vigo esixe que a Xunta propoña o cesamento inmediato de López Veiga após a desestimación xudicial do seu recurso contra Vulcano
Tras a decisión da Audiencia Provincial de Pontevedra de desestimar o recurso presentado pola Autoridade Portuaria de Vigo no proceso concursal de Vulcano, co obxectivo de rescatar a concesión para impedir a continuidade da actividade industrial nese estaleiro, o Bloque Nacionalista Galego esixiu que a Xunta de Galiza propoña de maneira inmediata o cesamento de Enrique López Veiga como presidente da Autoridade Portuaria.

"É claro que o único afán nos últimos meses do popular López Veiga foi sabotar e boicotar por todos os medios a posibilidade de evitarmos a desaparición definitiva de Vulcano”, criticou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas. Polo que, entenden, "non pode continuar un minuto máis á fronte da Autoridade Portuaria de Vigo". 

Igrexas lamentou tamén a complicidade do Goberno español por “ter permitido que a avogacía do Estado en troca de defender o interese xeral se personase neste procedemento para defender a obsesión persoal de López Veiga en contra do sector naval de Vigo e singularmente de Vulcano". 

Intervención pública 

Desde a fronte nacionalista apostan por apoiar desde o público un sector tan importante en termos de emprego e de creación de riqueza como o sector naval. "Agora é o momento de que todas as administracións converxan en esforzos, precisamente nun escenario no que unha vez superemos a crise sanitaria do coronavirus será imprescindíbel unha intervención pública decidida para apuntalar a actividade industrial e sectores estratéxicos como é a construción e a reparación naval na ría de Vigo", explicou Igrexas, quen advertiu de que “é momento de pasar das palabras, dos anuncios e das promesas aos feitos"  

Nese sentido, o Bloque demanda que nas medidas extraordinarias que terán que adoptar Xunta e Goberno español para atender a emerxencia produtiva post-Covid, se inclúa “despregar todos os medios necesarios para facilitar o retorno da actividade en Vulcano". 
 

Aliás, Igrexas amosou a súa alegría e satisfacción porque exista a vontade firme dun importante grupo empresarial vigués de facer de Vulcano un centro de reparacións navais que “non só propiciaría o reinicio da actividade nese estaleiro emblemático senón que suporía un importante estímulo para a industria auxiliar”. 

O BNG de Vigo esixe que a Xunta propoña o cesamento inmediato de López Veiga após a desestimación xudicial do seu recurso contra Vulcano