O BNG de Vigo esíxelle á Xunta que rectifique os recortes na atención pediátrica

bng 20

Xabier P. Igrexas: “O BNG esixímoslle ao Partido Popular que deixe de recortar na atención sanitaria das nenas e dos nenos, que deixen de poñer en risco a saúde das nosas fillas e fillos, e que reverta de inmediato tanto o fechamento da planta pediátrica do HAC como os recortes na atención primaria”

O BNG de Vigo esíxelle á Xunta que rectifique os recortes na atención pediátrica

Cando se cumpre un mes da retirada do pediatra de Coruxo e da supresión da atención pediátrica en horario de tarde nos centros de saúde de Navia, Coia, A Dobrada, Casco Vello e Lavadores, o Sergas vén de aplicar un novo recorte co feche dunha planta completa de pediatría no Hospital Álvaro Cunqueiro. O Bloque Nacionalista Galego criticou con dureza esta decisión e vén de reclamar que a Xunta do Partido Popular rectifique e reverta eses recortes.

O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, denunciou que este novo recorte ten lugar apenas uns días despois das eleccións do pasado domingo e após semanas nas que a xerencia da EOXI prometera de maneira reiterada que non se ían fechar camas no HAC.

“Desde o Bloque Nacionalista Galego esiximos unha rectificación. O BNG esixímoslle ao Partido Popular que deixe de recortar na atención sanitaria das nenas e dos nenos, que deixen de poñer en risco a saúde das nosas fillas e fillos, e que reverta de inmediato tanto o fechamento da planta do HAC como os recortes na atención primaria”, reclamou Igrexas.

Aliás, o edil nacionalista, advertiu de que a redución da atención pediátrica nos centros de saúde provocará a saturación do Punto de Atención Continuada (PAC), onde malia non haber pediatra son derivadas as urxencias sen cita, ou o servizo de urxencias do hospital Álvaro Cunqueiro. “Con estes recortes Feixóo vén de decretar que as crianzas de Vigo e a súa área non poden enfermar durante o verán. É intolerábel”, afirmou .

O portavoz municipal nacionalista subliñou a gravidade destas decisións lembrando que nos atopamos nun contexto de “pandemia pola Covid19 que inda non superamos e cheo de incertezas e riscos a nivel sanitario”. “Non podemos aturar e non imos permitir que se poña en risco a saúde da poboación infantil da área sanitaria de Vigo”, remachou.

O BNG de Vigo esíxelle á Xunta que rectifique os recortes na atención pediátrica