CORONAVIRUS

O BNG de Vigo insta o alcalde a convocar a todas as forzas políticas do Pleno para sumar esforzos fronte a segunda onda Covid19

Reiteran a necesidade de poñer en marcha un Plan de Contixencia Municipal diante da ausencia da Xunta e dun inicio de curso cheo de inseguridades.

O BNG de Vigo insta o alcalde a convocar a todas as forzas políticas do Pleno para sumar esforzos fronte a segunda onda Covid19

VIGO, 29 de agosto de 2020.-  O Bloque Nacionalista Galego vén de propoñer un encontro de todas as forzas políticas con representación no Concello de Vigo para “poñer en común e sumar esforzos e ideas” para enfrontar a segunda vaga de contaxios por coronavirus.

Así o anunciou esta mañá o concelleiro do BNG na cidade, Xabier P. Igrexas. “Hoxe cúmprense 11 días de que o Bloque demandaramos a elaboración e posta en marcha dun Plan de Continxencia Municipal fronte a segunda onda do coronavirus que xa estamos a atravesar, como indica o feito de termos máis de 200 positivos na área sanitaria. Porén, a resposta do alcalde foi inaugurar ao día seguinte a instalacións das luces do nadal en pleno agosto, e niso segue”, explicou.

Diante da “inacción e falla de resposta do Goberno municipal” sosteñen que “é momento de sumar esforzos e ideas, para lograr entre todos e todas robustecer a capacidade de resposta da cidade perante este novo desafío”. Unha necesidade agravada pola “ausencia da Xunta e diante dun inicio de curso cheo de incertezas e inseguridade”, defendeu o portavoz municipal nacionalista. Con ese obxectivo, Igrexas instou ao alcalde, Abel Caballero, a convocar un encontro como o realizado no inicio da crise sanitaria con todas as forzas políticas con presenza no Pleno.

Igrexas reiterou a disposición “plena e práctica” do BNG a seguir cooperando en positivo co Goberno municipal, como leva feito durante os últimos meses con máis de 60 propostas trasladadas pola fronte nacionalista ao Comité de Seguimento da Covid19 no Concello. 

O BNG de Vigo insta o alcalde a convocar a todas as forzas políticas do Pleno para sumar esforzos fronte a segunda onda Covid19