CORONAVIRUS

O BNG de Vigo insta á Xunta a intervir de maneira urxente a residencia de maiores de Barreiro afectada polo Covid19

SAVE_20191219_192443

O centro xestionado por DomusVi xa totaliza 38 positivos e ten afectado preto do 25% das súas persoas usuarias, carecendo dos medios necesarios para garantir as condicións preventivas e a adecuada atención sanitaria. 

Xabier P. Igrexas: “A única achega da Xunta na cidade para enfrontar o coronavirus foi a propaganda, coa foto ridícula e ofensiva de Corina Porro escenificando o reparto de material”. 

O BNG de Vigo insta á Xunta a intervir de maneira urxente a residencia de maiores de Barreiro afectada polo Covid19
O BNG de Vigo dirixiuse esta mañá á Delegada da Xunta de Galiza, Corina Porro, para demandarlle a intervención inmediata da residencia de maiores DomusVi de Barreiro, após se detectar 38 casos de coronavirus. 

O concelleiro do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas, reclamou que o Goberno galego “exerza as súas competencias e proceda a intervir a residencia, asumindo a dirección e a xestión do centro, reforzándoo cos medios humanos e materiais necesarios e valorando o traslado, inda que for parcial, dos seus usuarios a outras dependencias nas que se garantan todas as medidas preventivas para evitar novos contaxios así como a atención sanitaria que necesitan”.  

Igrexas alertou de que xa son 33 os contaxios entre usuarios e usuarias, o que representa preto do 25% do total, e que está aumentando “perigosamente” tamén entre o persoal, con 5 casos até o momento. Desde o Bloque apuntan a que a Xunta é titular de diferentes dependencias na cidade que poderían ser utilizadas para o traslado das persoas usuarias, como o antigo centro de especialidades da Doblada, a residencia Altamar ou a hospedaría e antigo centro de saúde da Casa do Mar. 

A fronte nacionalista faise eco das denuncias que apuntan a que o centro continúa sen contar cos medios necesarios para enfrontar con garantías esta situación de emerxencia sanitaria, coa falla de EPIs para o persoal. Aliás, tampouco se estaría a facer efectivo o illamento dos contaxiados dado que o confinamento estase a facer en cuartos compartidos e sen que exista na práctica unha área delimitada e isolada. Igrexas tamén advirte da “falla de transparencia e a opacidade” coa que a dirección de DomusVi está a xestionar esta situación e que mesmo motivou a intervención da policía local de Vigo a petición das familias que se manifestan “desesperadas” pola ausencia de comunicación e información completa.  

“Hai que actuar xa, con responsabilidade, para garantir o dereito á saúde e protexer a vida dun colectivo de risco como son as persoas maiores. Non podemos agardar a que esta situación límite se converta en desgraza”, esixiu Igrexas, advertindo que a situación de DomusVi en Barreiro xa superou en alcance á crise rexistrada na residencia San Carlos en Celanova. Tamén demandan a inspección de todas as residencias de maiores da cidade.  

Falla de acción da Xunta en Vigo 

Igrexas tamén lamentou que a Xunta de Galiza non estea a exercer as súas competencias nin a poñer en marcha todas as súas capacidades para enfrontar esta crise sanitaria “sen precedentes”.  

“A única achega da Xunta no principal foco de contaxio a nivel galego que somos Vigo e a súa área sanitaria, ten sido apenas a propaganda”, criticou, aludindo á “escenificación propagandística” da fotografía “rídicula e ofensiva” de Corina Porro trasladando material preventivo “que sigue sen chegar aos lugar nos que se precisa”. No concreto, criticou que o Goberno galego non entregou nin unha soa unidade dese material ao Concello de Vigo para dotar os servizos municipais que, polo seu carácter esencial, están funcionando, como son o Servizo de Axuda no Fogar, Cedro ou o albergue.  

“Non é momento de escenificacións, cómpre pasar á acción de maneira decidida, e poñendo todos os medios que sexan necesarios e adoptando as medidas que sexan precisas. Non facelo supón poñer en risco a saúde e a vida das persoas. Actúen.”, concluía a misiva remitida por Igrexas a Porro.  

O BNG de Vigo insta á Xunta a intervir de maneira urxente a residencia de maiores de Barreiro afectada polo Covid19