O BNG de Vigo pide ao Goberno municipal que feche a porta definitivamente ao ‘pelotazo’ de Porto Cabral

  • Xabier P. Igrexas: “Reclamamos ao PSOE que actúe con coherencia e que coa mesma vehemencia que rexeita o ‘pelotazo’ da cidade deportiva do Celta en Mos dea portazo a Porto Cabral”.
  • A fronte nacionalista reitera a súa oposición frontal ao proxecto especulativo e esixe que “nin un só metro cadrado de monte comunal” se dedique a unha nova grande área comercial.
  • Propoñen facer de Cotogrande unha grande reserva forestal para poñer en valor o “pulmón verde” que representan os montes de Vigo.
O BNG de Vigo pide ao Goberno municipal que feche a porta definitivamente ao ‘pelotazo’ de Porto Cabral

Perante os intentos do grupo promotor de volver poñer en marcha o proxecto de Porto Cabral, para a instalación dunha grande área comercial e de lecer en monte comunal, o BNG reclamou ao Goberno municipal que “poña fin á permanente improvisación e opacidade” coa que está a xestionar esta cuestión. Así o manifestou o concelleiro do Bloque, Xabier P. Igrexas, quen reiterou a “oposición frontal” das nacionalistas a Porto Cabral. “Nin un só metro de monte comunal pode destinarse a unha operación especulativa, un pelotazo urbanístico, e menos a un macrocentro comercial”, asegurou esta mañá.

Igrexas volveu demandar unha moratoria, tanto a nivel municipal como galego, que impida que se concedan novas licenzas para grandes áreas comerciais na cidade nos próximos dez anos. “Se de algo está saturada Vigo é de macrocentros comerciais”, xustificou. Neste sentido, o edil nacionalista criticou que o único modelo produtivo do Goberno local sexa o do “monocultivo de áreas comerciais”. Como exemplo referiu os intentos de “legalizar pola porta de atrás ámbitos como Cruceiro ou Recaré” ou o feito de que a Zona Franca, dirixida polo PSOE, queira converter o Parque Tecnolóxico de  Valadares nun parque comercial.

Demandan coherencia ao PSOE

Desde a fronte nacionalista cuestionan de maneira aberta a inexistencia de “interese público xeral” que poida xustificar o desenvolvemento de Porto Cabral a través dunha ordenación provisional. A este respeito, Igrexas demandou do PSOE que actúe con coherencia. “Coa mesma vehemencia coa que se opoñen á cidade deportiva do Celta e a súa área comercial teñen que dar portazo a Porto Cabral”, reclamou.

O portavoz municipal das nacionalistas subliñou que se a operación especulativa en Mos vai ter, como argumenta o propio Concello de Vigo, un impacto negativo para o tecido comercial da cidade olívica, “maior será o impacto con Porto Cabral”, reiterando que o modelo de grandes áreas é “letal” para o pequeno e mediano comercio, que é, segundo sinalou, “o que fai cidade vertebrando os barrios e as parroquias e crea emprego estábel”.

“O proxecto de Porto Cabral só pode resucitar coa complicidade de PSOE no Concello e do PP na Xunta”, advirten. O Bloque aposta, en troca, por facer desa área de monte comunal “unha grande reserva forestal” que poña en valor a importancia que ten o “pulmón verde” que representan os montes para a cidade.