CORONAVIRUS

O BNG de Vigo pide que se interveñan e mobilicen todos os recursos da sanidade privada para utilizalos fronte ao coronavirus

A fronte nacionalista entende que esa medida ten que aplicarse antes de poñer en marcha un eventual hospital de campaña no IFEVI. 

Urxen a que se garanta o material preventivo ao persoal sanitario e asistencia para “protexer a quen nos protexe”.  

O BNG de Vigo pide que se interveñan e mobilicen todos os recursos da sanidade privada para utilizalos fronte ao coronavirus

Diante dos anuncios relativos á posíbel instalación dun hospital de campaña no IFEVI, o Bloque Nacionalista Galego vén de demandar que antes de aplicar medidas extraordinarias como esa se interveñan e mobilicen todos os recursos da sanidade privada da cidade para os poñer ao servizo do Sergas.

“Antes dun hospital de campaña o que hai que facer é poñer ao servizo do Sergas todos e cada un dos recursos dos hospitais, centros médicos e clínicas da sanidade privada que hai na cidade, tal e como está a demandar o propio persoal sanitario e as organizacións sindicais”, explicou o concelleiro do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas. 

Igrexas fíxose eco das advertencias que por parte dos sindicatos se teñen feito nos últimos días alertando da infrautilización de camas e recursos da sanidade privada para facer fronte á crise do coronavirus. “Temos que robustecer a capacidade de resposta e acción da sanidade pública e iso pasa por mobilizar todos os recursos, tamén os da privada”, remachou. 

Máscaras 

O portavoz municipal nacionalista tamén lembrou, ao fío do debate aberto nas últimas horas sobre a necesidade da xeneralización do uso social de máscaras, que “arestora o persoal sanitario non conta cos EPI necesarios e as traballadoras de servizos sociosanitarios e asistenciais, como o Servizo de Axuda no Fogar ou as propias residencias de maiores, seguen sen dispor do material preventivo preciso para evitar contaxiarse e contaxiar”. Citou por exemplo que no hospital Álvaro Cunqueiro estáselle negando a persoal sanitario de diferentes servizos a utilización mesmo de máscaras cirúrxicas (que son as de menor protección).  

Nese sentido, Igrexas apostou en intensificar a distribución dese material “priorizando protexer a quen nos protexe”. “Temos que coidar a quen nos coida, para evitar que a rede sanitaria e asistencia que é imprescindíbel, poida colapsar”, advertiu. 

O BNG de Vigo pide que se interveñan e mobilicen todos os recursos da sanidade privada para utilizalos fronte ao coronavirus