O BNG de Vigo pide unha “mudanza profunda” na Autoridade Portuaria para alén da remuda de López Veiga

bng 20

Esixen que se poña fin á “irracional e obsesiva guerra” contra Vulcano e que se garanta a continuidade da construción e reparación naval no estaleiro de Teis.

Reiteran a súa oposición frontal a novos recheos portuarios e instan a poñer fin aos “tics autoritarios e a represión sindical” contra o persoal da Autoridade Portuaria.

O BNG de Vigo pide unha “mudanza profunda” na Autoridade Portuaria para alén da remuda de López Veiga

O Bloque Nacionalista Galego valorou positivamente a saída de Enrique López Veiga da presidencia da Autoridade Portuaria de Vigo, segundo as informacións que hoxe anticipan o seu cesamento no posto. A fronte nacionalista demandou en reiteradas ocasións o seu relevo, mais demanda unha mudanza de maior alcance na orientación da Autoridade Portuaria de Vigo.

“A xestión de López Veiga foi nefasta para a cidade, para a actividade portuaria e especialmente para a industria naval. Pero o problema non se resolve cun cambio de caras, senón que urxe un xiro radical na orientación da Autoridade Portuaria”, valorou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.

Igrexas lamentou que o Partido Popular volva utilizar a Autoridade Portuaria como unha especie de “senado local” ao que destinar antigos altos cargos do partido. O edil urxiu unha “mudanza profunda” que centrou en tres ámbitos prioritarios.

En primeiro lugar, a fronte nacionalista, esixe que se abra unha nova etapa na Autoridade Portuaria que poña fin á “irracional e obsesiva guerra de López Veiga en contra do sector naval vigués e singularmente contra Vulcano”. Neste sentido, Igrexas, amósase rotundo ao reclamar que “o único uso que se debe autorizar nas instalacións do estaleiro de Teis é o da construción e reparación naval”.

Adicionalmente, o concelleiro do Bloque en Vigo volveu reiterar a “oposición frontal e rotunda” a calquera proxecto de novo recheo portuario. “O porto de Vigo non pode seguir gañando espazo a costa de cementar a nosa Ría, o desenvolvemento portuario non se pode seguir facendo a golpe de agresións ambientais”, afirmou, demandando a paralización do novo recheo do Berbés e que se desista da pretensión dun novo aterramento en Bouzas.

Por último, Igrexas, reclamou un xiro tamén no relativo á xestión do persoal portuario. “Hai que acabar cos tics autoritarios e coa represión sindical e atender as reivindicacións do persoal da autoridade portuaria”, reclamou.

O BNG de Vigo pide unha “mudanza profunda” na Autoridade Portuaria para alén da remuda de López Veiga