O BNG de Vigo propón a apertura de dous novos centros municipais de información ás mulleres en Coia e no Calvario

A fronte nacionalista demanda “pasar das declaracións aos feitos” e adoptar decisións que permitan facer do combate das violencias machistas unha prioridade política tamén a nivel municipal.

O Bloque organiza este xoves 5 de marzo un acto comarcal en Vigo dentro da campaña do 8 de marzo arredor da situación das “coidadoras e precarias”, no que participará a deputada e candidata número 2 pola circunscrición de Pontevedra, Montse Prado. 

O BNG de Vigo propón a apertura de dous novos centros municipais de información ás mulleres en Coia e no Calvario

O Bloque Nacionalista Galego propón que o Concello de Vigo poña en marcha dous novos centros de información dos dereitos das mulleres nos barrios de Coia e O Calvario. Así o reclamou esta mañá o concelleiro da fronte nacionalista, Xabier P. Igrexas, quen defendeu que esta medida permitiría estender e descentralizar os servizos municipais de atención e apoio ás mulleres.

Igrexas enmarcou esta proposta nas vésperas do 8 de marzo reiterando a esixencia de “políticas feministas efectivas” por parte do Goberno municipal, a quen instou a redobrar esforzos para combater con decisión as violencias machistas. “As rúas levan moito tempo a reclamar decisións e medidas. Hai que pasar das declaracións aos feitos. Non abonda con poñer o lazo lilá ou pendurar faixas, temos que poñer máis medios e máis recursos para facer da loita contra o machismo e por unha sociedade igualitaria unha verdadeira prioridade política tamén a nivel municipal”, afirmou o portavoz municipal nacionalista.

Neste sentido, desde o Bloque apelan a que a unanimidade que no último pleno permitiu a aprobación, co apoio de todas as forzas políticas, dunha moción promovida pola formación nacionalista arredor do 8 de marzo e demandando compromisos concretos en relación ao traballo de coidados, se traduza en decisións.

Acto sobre coidadoras e precarias

Dentro da campaña “É a nosa hora” coa que o BNG celebra o 8 de marzo deste ano, organizarase un acto público de carácter comarcal na nosa cidade. 

Baixo o formato dunha mesa de debate abordarase a situación das “coidadoras e precarias”, coas intervencións de Mercedes Domínguez (Responsábel de Muller do CIG O Porriño), Flor Fernández (Traballadora do Servizo de Axuda no Fogar), Ester Mariño (Técnica de Igualdade) e Montse Prado (deputada no Parlamento galego e candidata número 2 pola circunscrición de Pontevedra).

O acto decorrerá o vindeiro xoves 5 de marzo, ás 20:15h, no Espazo Cubo (rúa Doutor Cadaval, 17-B).