O BNG de Vigo propón faixas horarias sen música e pirotecnia silenciosa para lograr unhas festas inclusivas

Xabier P. Igrexas defende que estas medidas, que xa se aplican noutros concellos, permitirían uns festexos máis accesíbeis para persoas con diversidade funcional e máis respectuosas cos animais.

O BNG de Vigo propón faixas horarias sen música e pirotecnia silenciosa para lograr unhas festas inclusivas

O Bloque Nacionalista Galego interpelou esta maña o Goberno municipal de Vigo na Comisión Informativa de Festas a respeito de se ten previsto implementar faixas horarias sen música e utilizar pirotecnia silenciosa nas festas que o Concello organiza e promove na cidade.

Para o concelleiro, Xabier P. Igrexas, estas medidas permitirían avanzar cara a uns festexos máis accesíbeis para as persoas con diversidade funcional e sensibilidade acústica e tamén máis respectuosas cos animais.

Neste sentido, o edil nacionalista sinalou que é unha demanda do tecido asociativo que traballa no campo da diversidade funcional e singularmente no ámbito dos trastornos do espectro autista (TEA) polo impacto negativo que ten o exceso de ruído. Aliás, son numerosos os estudos que apuntan nos graves prexuízos que causa a pirotecnia convencional tanto en animais de compañía como en fauna salvaxe.

“Trátase de medidas que xa se están a aplicar noutros concellos e que demostrarían un compromiso real coa inclusión, cunhas festas que sexan para todas e todos”, defendeu o portavoz municipal nacionalista.