O BNG de Vigo propón un programa piloto de orzamentos participativos para 2021

Propoñen reservar unha partida de como mínimo 1 millón de euros para que a través de mecanismos de participación directa, de colectivos e veciñanza, se decida o seu uso.

Xabier P. Igrexas: “A mellor maneira para garantir que os orzamentos atenden as necesidades reais da veciñanza e dos nosos barrios e parroquias, é contar coa súa opinión”

O BNG de Vigo propón un programa piloto de orzamentos participativos para 2021

 Ás portas do inicio da elaboración dos orzamentos municipais para o exercicio 2021, o  Bloque Nacionalista Galego propón que no proxecto se inclúa a posta en marcha dun programa piloto de orzamentos participativos en Vigo.

 “É o momento duns orzamentos de cidade que teñan en conta máis opinións que a do grupo municipal socialista. Como cidade non nos podemos permitir volver insistir na equivocación de termos uns orzamentos que só teñen en conta a opinión do Goberno local, temos que incluír as propostas e as demandas do tecido asociativo”, explicou o concelleiro, Xabier P. Igrexas.

Diante duns orzamentos que serán de “record” ante a previsión de ingresos extraordinarios, a fronte nacionalista chama a elaborar uns orzamentos que permitan robustecer a capacidade de resposta da cidade diante dos enormes reptos que presenta a crise do coronavirus.

Nese sentido, Igrexas reclamou que nos vindeiros orzamentos se poña en marcha un programa piloto de orzamentos participativos, asignándolle unha partida de como mínimo 1 millón de euros para que, a través de mecanismos de participación directa, tanto de asociacións e colectivos como da propia veciñanza, se decida a que destinar eses recursos.

Unha experiencia que, segundo sinalou, xa se puxo en marcha noutras cidades de Galiza, do Estado e do mundo, e que permitiría “avanzar cara a unha democracia máis sólida a nivel municipal”. “Democracia non pode ser só votar cada catro anos. Democracia ten que ser, tamén, que haxa espazo para que a veciñanza participe da toma de decisións”, enfatizou.

O portavoz municipal nacionalista sostén que “a mellor maneira para garantir que os orzamentos atenden as necesidades reais da veciñanza e dos nosos barrios e parroquias, é contar coa súa opinión. Para que non sexan só as contas de Abel Caballero, senón os orzamentos que Vigo necesita”.

O BNG de Vigo propón un programa piloto de orzamentos participativos para 2021