CORONAVIRUS

O BNG de Vigo propón a redución do aforo dos buses urbanos e o reforzo da súa limpeza

Advirten de que coa actual limitación non se garanten as distancias mínimas de seguridade entre usuarias e usuarios o que supón un claro risco de contaxio.  

A fronte nacionalista suxire tamén que a falla de saldo na tarxeta Pass ou na tarxeta moedeiro non supoña a denegación do servizo nun momento onde os caixeiros para a recarga están moitas veces saturados e con longas fileiras.  

O BNG de Vigo propón a redución do aforo dos buses urbanos e o reforzo da súa limpeza


 

VIGO, 20 de abril de 2020.- O Bloque Nacionalista Galego vén de anunciar que se dirixirá ao Comité de Seguimento Municipal da Covid19 para instar o Goberno municipal de Vigo a que reforce as medidas preventivas para evitar contaxios por coronavirus no servizo de transporte urbano. O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, recolleu as preocupacións que lle trasladou o Comité de Empresa de Vitrasa en relación a dúas cuestións que xulga de “enorme importancia”: reducir o aforo dos buses e reforzar a limpeza e desinfección dos vehículos. 

En relación ao aforo, Igrexas suxire que se estude unha maior redución para evitar a masificación dos vehículos. “Neste momento o aforo dos buses da cidade está limitado ao 50% da súa capacidade total o que significa que nos buses de 12 metros terían permitida a entrada máis de 40 persoas en apenas 20 metros cadrados de superficie útil, o que non garante a distancia mínima de seguridade que recomendan as autoridades sanitarias”, explicou o portavoz municipal nacionalista. A este respeito alertou de que xa está a comprobar nestes días que en algúns buses a falla de espazo está a provocar unha maior exposición ao contaxio. No entanto, desde o Bloque instan a que a redución de aforo se acompañe do reforzo co número de vehículos necesarios para garantir que as viguesas e os vigueses poidan facer uso do autobús nos desprazamentos indispensábeis. 

Por outra banda, o edil considerou fundamental que o Goberno municipal lle requira a Vitrasa o reforzo dos servizos de limpeza dos buses, para garantir que cada vez que se inicia unha nova quenda de traballo e hai relevo no persoal condutor, se desinfectan tanto a cabina como as superficies de contacto.  

Aliás, desde a fronte nacionalista suxiren que o Concello estude a maneira de evitar que o feito de que unha persoa non teña saldo na tarxeta Pass ou na tarxeta moedeiro, que son as únicas formas de pago permitidas, non supoña que se lle impida facer uso. “Non ter saldo de maneira puntual, nun momento onde vemos como en moitas ocasións os caixeiros automáticos onde se poden recargar están saturados e con longas fileiras, non debera ser impedimento para utilizar o bus”, defenden. 

O BNG de Vigo propón a redución do aforo dos buses urbanos e o reforzo da súa limpeza