Carme da Silva asegura en Vigo que o BNG “é a única candidatura de país que vai respostar ás necesidades da sociedade galega”

A cabeza de lista afirma que o Bloque afronta a campaña “ilusión, confianza e esperanza” e insta a non deixar pasar a oportunidade de dar voz a Galiza no Congreso

Carme da Silva asegura en Vigo que o BNG “é a única candidatura de país que vai respostar ás necesidades da sociedade galega”

A cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, asegurou hoxe no inicio de campaña que o Bloque “sae a por todas para colocar Galiza na axenda do Estado” tras o vindeiro 10N, xa que “é a única candidatura de país que non ten obediencia a Madrid e que vai respostar ás necesidades da sociedade galega”.

No BNG, segundo explicou Da Silva, “afrontamos esta campaña con ilusión, confianza e con esperanza”. Coa ilusión, dixo, porque nas pasadas eleccións a forza nacionalista quedou ás portas do Congreso por un puñado de votos, e dende aquela ata hoxe sumouse á organización moitísima xente que “nos traslada que temos que conseguilo porque é a única posibilidade de que a sociedade galega deixe de estar muda no Congreso”.

A candidata tamén falou da confianza na sociedade galega, “que é capaz de levar adiante calquera reto que lle poñan por diante se lle deixan decidir”, dixo. Pola contra, subliñou: “cando deciden por nós temos unhas infraestruturas ferroviarias do século XIX, cando deciden por nós temos as rías sen sanear, temos a crise industrial e do sector naval, temos uns portos que non responden ás nosas necesidades... E non temos a saída sur ferroviaria que tanto precisa Vigo e a súa área”, indicou.

“Cando decidimos nós, a sociedade galega, sacamos adiante proxectos impresionantes. E o BNG teno demostrado onde goberna. Esa confianza é a que pedimos á sociedade galega. Non lle pedimos que confíe no BNG, pedimos que confíe en si mesma e na súa capacidade como sociedade e que confíe na única candidatura de país que se presenta a estas eleccións. É a única que non ten obediencia a Madrid e que vai respostar ás necesidades da sociedade galega”, salientou.

Finalmente, Da Silva falou da “ilusión e da esperanza de sacar adiante este proxecto e que Galiza recupere a voz no Congreso”. “Non nos poden roubar o futuro. A sociedade esixe que se dea solucións aos seus problemas con medidas a longo prazo, deixando o curtopracismo no que nos teñen metidas as forzas políticas estatais, Non podemos deixar pasar esta oportunidade”, afirmou.

Neste sentido, puxo sobre a mesa que é preciso adoptar decisións que teñen que ver con todo o que precisa a sociedade, pero facéndoo desde a realidade galega e non dende a visión de Madrid. Lembrou, de feito, “a crise industrial que está a petar ás portas con intensidade na cidade de Vigo mentres o Partido Popular mira para outro lado e mentres o PSOE toma decisións que condenan á cidade ao que xa condenaron outras zonas do país, e que non deben volver repetirse”.

Da Silva instou á cidadanía a converter o cabreo pola incapacidade das forzas centralistas para chegar a acordos e polo seu ‘pasotismo’ con respecto a Galiza nunha oportunidade para o país, facendo algo diferente ao acudir a votar: apoiar ao BNG, xa que nun contexto sen maiorías absolutas, poderá condicionar as políticas do Estado en favor da sociedade galega.

“En definitiva, no BNG imos a por todas para que se resolvan os graves problemas que ten a sociedade galega e se deixe de mirar para outro lado e de non estar presentes no debate porque Galiza non ten voz no Congreso. Con esa ilusión, esperanza e confianza afrontamos esta campaña”, finalizou.