No día das bibliotecas o BNG de Vigo lamenta que o Concello non abrise ningunha desde 2011

Xabier P. Igrexas: “Non se pode chamar bibliotecas a salas, como as de Bouzas, o Auditorio Mar de Vigo ou Navia, que só teñen mobiliario e nas que non hai nin libros nin persoal bibliotecario”

A fronte nacionalista anuncia que, de cara aos orzamentos municipais de 2021, proporán unha partida para poñer en marcha 3 novas bibliotecas en diferentes barrios da cidade.

No día das bibliotecas o BNG de Vigo lamenta que o Concello non abrise ningunha desde 2011

No día das bibliotecas o Bloque Nacionalista Galego lamentou publicamente que a última biblioteca pública aberta na cidade sexa a Neira Vilas no Calvario, inaugurada en marzo de 2011. A fronte nacionalista demanda a posta en marcha dunha Rede municipal de bibliotecas nos barrios e nas parroquias, para o que anuncia que proporán nos orzamentos do vindeiro exercicio unha partida para abrir 3 novas bibliotecas en diferentes puntos da cidade.

“Hoxe, no día das bibliotecas, temos que lamentar que última biblioteca aberta na nosa cidade foi a Neira Vilas hai máis de 9 anos, e que foi resultado do compromiso do BNG que nesa altura dirixíamos a concellaría de Cultura para poñer en marcha unha verdadeira rede municipal de bibliotecas de barrio. Pero estes anos o desleixo, a incapacidade e falla de sentido da importancia que ten a cuestión cultural, fixo que Abel Caballero metese este proxecto nun caixón”, declarou o concelleiro do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas.

Igrexas criticou, ademais, que o Goberno municipal estea a presentar como bibliotecas o que son en realidade salas de lectura. “As instalacións postas en marcha no Auditorio Mar de Vigo, na Casa do Patín en Bouzas e moi recentemente en Navia non se poden cualificar de biblioteca. Son apenas salas de lectura que do único que dispoñen é de mobiliario, sen libros e sen persoal bibliotecario. Unha biblioteca é moito máis que unha sala onde poder sentar a ler”, afirmou.

Tres novas bibliotecas

O portavoz municipal nacionalista quixo remarcar o a importancia capital das bibliotecas como un instrumento que permita democratizar o acceso social á cultural, nomeadamente para as clases populares e traballadoras. “As bibliotecas son un elemento estratéxico para permitir o acceso aos libros que son a verdadeira porta de entrada á cultura, ao pensamento e ao coñecemento”, expresou.

A fronte nacionalista anuncia que, de cara aos orzamentos municipais do 2021, trasladarán a proposta para desenvolver a rede municipal de bibliotecas nos barrios e as parroquias, superando este decenio perdido desde a apertura da Neira Vilas no Calvario. No concreto, demandarán unha partida económica suficiente para a apertura de 3 novas bibliotecas en diferentes zonas da cidade. “Do que se trata non é de chamar bibliotecas a salas que só teñen mesas e cadeiras, senón de abrirmos máis bibliotecas para facilitar o acceso aos libros”, remachou Igrexas.

No día das bibliotecas o BNG de Vigo lamenta que o Concello non abrise ningunha desde 2011