Igrexas imputa á "incompresión lectora" do alcalde as súas críticas ao BNG polo túnel de Elduayen

A fronte nacionalista acusa a Caballero de mentir deliberadamente sobre a resposta da Comisión Europea a respeito dese proxecto
Igrexas imputa á "incompresión lectora" do alcalde as súas críticas ao BNG polo túnel de Elduayen

O portavoz municipal nacionalista en Vigo, Xabier P. Igrexas, afeou as “desaforadas e ofensivas declaracións” realizadas polo alcalde por segundo día consecutivo contra o BNG, por causa da pregunta trasladada pola formación nacionalista á Comisión Europea sobre o proxecto de túnel en Elduayen.
“O verdadeiramente ridículo é a incomprensión lectora de Abel Caballero” retrucou o edil nacionalista, sinalando que é “rotundamente falso” que a Comisión Europea expresase o seu acordo co proxecto de túnel. “O que di a Comisión é que non lle consta que o túnel se vaia cofinanciar con fondos FEDER e que a aprobación dos proxectos DUSI depende das autoridades estatais”, explica. O propio rexedor acabou por recoñecer esta mañá que inda non solicitaran ese financiamento comunitario a pesar de ter asegurado que si.

Igrexas insta o alcalde a non faltarlle o respeito á cidade nin ao seu cargo “mentindo deliberadamente” sobre un documento oficial que a fronte nacionalista fará público para coñecemento da cidadanía. 

Aliás, desde o Bloque reiteran o seu compromiso de seguir a "escoitar e dialogar" coa veciñanza afectada e cos colectivos sociais do barrio, fronte a política "autoritaria e antidemocrática" do alcalde que fica instalado nun permanente "aquí mando eu".