Iolanda Veloso: "O BNG preguntará no pleno por que o goberno non asinou o convenio coa FAVEC"

Iolanda Veloso: "O BNG preguntará no pleno por que o goberno non asinou o convenio coa FAVEC"

Vigo, 15 de xaneiro de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, criticou a actitude do goberno local a respecto da Federación Veciñal Eduardo Chao e avanzou que o grupo nacionalista preguntará no pleno por que non está xa asinado o convenio de 2013 coa FAVEC. Segundo Veloso, esta é unha mostra da falta de vontade política e negociadora por parte do goberno municipal.

“Para o BNG está claro que as mostras de ineficacia do concelleiro de Participación Cidadá son unha clara de falta de vontade política”, subliñou Iolanda Veloso, para que esta mesma falta de xestión aconteceu con outras partidas dos orzamentos de 2013 como é o plan social contra a crise.

Neste sentido, a responsable nacionalista lembrou que o Bloque xa se veu obrigado a pedir a comparecencia do concelleiro Santos Héctor, titular da Concellería de Participación Cidadá perante a falta de xestión desta medida proposta polo propio BNG.

Documentación presentada

Iolanda Veloso manifestou non entender por que o goberno local non asinou convenio coa Federación Veciñal “cando toda a documentación requirida foi presentada ao seu debido tempo”. Ao seu xuízo, este feito amosa que o alcalde “non ten ningún tipo de interese en negociar coa Favec”.

A nacionalista subliñou que o problema coa Favec non radica na situación orzamentaria actual, porque o alcalde e o goberno local poden asinar os convenios coas asociacións e garantir os servizos que prestan. “O problema real é que o concelleiro e o alcalde non queren negociar nin teñen ningún tipo de interese en apoiar á cidadanía e responder as súas necesidades”.

“Os problemas de xestión nos orzamentos de 2013 fan moi difícil ter confianza na xestión do orzamento de 2014, pero a realidade é que non hai orzamentos para este ano porque o alcalde é incapaz de elaboralos”, concluíu.