Iolanda Veloso: “Cómpre potenciar o pequeno comercio e non macrocentros como Porto Cabral”

Iolanda Veloso: “Cómpre potenciar o pequeno comercio e non macrocentros como Porto Cabral”

Carme Adán lembra que o BNG propón unha moratoria ao goberno galego para as concesión de licenzas comerciais

A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, e a deputada Carme Adán, destacaron que para o Bloque “é incuestionable” que os macrocentros comerciais prexudican ao pequeno e mediano comercio local, ao provocar o seu peche. Para o BNG precisamente cómpre desenvolver actuacións tanto desde a administración local como autonómica para potenciar o pequeno e mediano comercio.

“En lugar de facer de promotor inmobiliario para vender pisos públicos, de viaxar a Madrid para reunirse con fondo de investimento Eurofund ou a Barcelona para ter xuntanzas con compañías aéreas, o alcalde debería atender aos traballadores e traballadoras de Freiremar e as persoas que non teñen ingresos e anos nenos e nenas que deberían ter bolsas de comedor”, subliñou Iolanda Veloso.

A portavoz nacionalista acusou ao alcalde de “non decatarse das necesidades da cidade”, entre as que considerou as dos pequenos e medianos comercios. “Semella que o alcalde prefire reunirse con especuladores para vender os montes da nosa cidade”, criticou.

Pola contra, salientou que no BNG “temos claro que os macrocentros comerciais provocan o peche do pequeno e mediano comercio e desde as administracións cómpre traballar para que estas graves consecuencias non se produzan”.

Planeamento urbanístico

Iolanda Veloso explicou asemade que se ben parte do planeamento de Liñeiriños recolle uso comercial, “en ningún sitio di que teña que instalarse un macrocentro comercial”. Asegurou asemade que “se o alcalde quixese, podería desenvolver Liñeiriños apoiando o pequeno comercio da cidade”.

“O planeamento de Liñeiriños tamén recolle a preservación do bosque autóctono de Cotogrande e a reserva de solo para estabelecer un punto limpo, pero non vemos ao alcalde preocupado por desenvolver estas actuacións”, manifestou a responsable nacionalista.

Segundo destacou a portavoz municipal do BNG vigués, a alternativa non radica en que o proxecto que pretende Eurofund se constrúa na Plisan, “na que por certo o PP non está facendo nada”. Ao seu xuízo “un macrocentro comercial promovido por un fondo de investimento nunca é unha boa solución”.

Destrución de 43.000 empregos

Carme Adán, por outro lado, lembrou que no Parlamento galego o Bloque demanda ao goberno autonómico que leve adiante unha moratoria na concesión de licenzas comerciais.

Precisamente diante das cifras do sector, que falan do peche de 20.000 estabelecementos en Galiza e a destrución de 43.000 postos de traballo, Carme Adán defendeu que o goberno galego “debe tomar a decisión de facer unha moratoria na instalación de grandes superficies”.

O BNG tamén propón no Parlamento galego a elaboración dun plano sectorial de equipamentos comerciais na Galiza, de xeito que permita ordenar a oferta comercial e a defensa do comercio de proximidade. “Cómpre coñecer a ocupación de todas as áreas comerciais de Galiza”, salientou.

Iolanda Veloso: “Cómpre potenciar o pequeno comercio e non macrocentros como Porto Cabral”