Iolanda Veloso cualifica de escandaloso o gasto en propaganda do goberno municipal

Iolanda Veloso cualifica de escandaloso o gasto en propaganda do goberno municipal

A voceira municipal do BNG, Iolanda Veloso, na súa comparecencia de hoxe manifestou a preocupación do BNG polos gastos en publicidade e propaganda do actual goberno municipal: “En momentos de crise económica, cando as administracións están facendo esforzos para axustar os seus orzamentos, o alcalde está utilizando os temas importantes da cidade (aeroporto, naval. plan social contra a crise....) para facer campaña electoral cos cartos de todos”

A concelleira nacionalista puxo como exemplo desa política o Plan Social contra a Crise. Xa no último pleno o BNG preguntou onde estaban os 550.000€ que non se incluíron na convocatoria de axudas e que si estaban na partida incorporada polo BNG aos orzamentos municipais, e despois dunha corrección de erros, seguimos preguntándonos en que se van gastar 200.000€. O BNG quere saber canto custou e de que partida se pagou a campaña de propaganda do plan contra a crise que estamos vendo estes días, ou a exposición do Casco Vello inaugurada no centro de Vigo onte.

O BNG, nas emendas aos orzamentos deste ano recortou arredor de medio millón de euros en gastos de publicidade e propaganda. Segundo Iolanda Veloso, “o alcalde, cando non ten cartos para propaganda, os saca das cousas de comer, porque a campaña do plan contra a crise non é unha campaña de difusión do programa, senón de propaganda e autobombo”.

O BNG considera que o xeito de chegar aos posíbeis demandantes destas axudas non son os xornais, que os demandantes seguramente non poden mercar, se non os servizos sociais. Desde o grupo municipal recórdase que cando o BNG tiña responsabilidades de goberno e elaborou o programa de axudas ao comercio local, non utilizou semellantes medios para a súa difusión.

No mesmo sentido se manifestou Santiago Domínguez, que fixo referencia á exposición sobre a recuperación do casco histórico inaugurada onte polo equipo de goberno no centro da nosa cidade. O concelleiro nacionalista definiu como “caradura política” o feito de non ter nestes dous anos ningunha iniciativa política nova para a recuperación do Casco Vello e sen embargo investir nunha exposición na que se apropia de accións desenvolvidas por outros no anterior mandato municipal.

Santiago Domínguez fíxose eco das constantes queixas dos veciños do barrio, preocupados polo alarmante deterioro dos servizos: “falta reposición de elementos estragados, desapareceu a brigada de intervención rápida e mesmo reduciuse a seguridade na zona. En vez de exposicións que se poñan a traballar e non paralicen o traballo de recuperación feito no anterior mandato”

Iolanda Veloso cualifica de escandaloso o gasto en propaganda do goberno municipal