Iolanda Veloso insta ao goberno local a pagar á cidadanía coa mesma celeridade da que presume

Iolanda Veloso insta ao goberno local a pagar á cidadanía coa mesma celeridade da que presume

O BNG presentou emendas a mocións de PSOE e PP que resultaron aprobadas malia rexeitar o uso de vivendas municipais a aluguer social

 

Vigo, 2 de xuño de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, reclamou ao goberno local que solucione as súas débedas coa cidadanía coa mesma celeridade da que presume nos informes trimestrais de tesourería e os prazos para o pago das obrigas previstas a respecto dos provedores. Deste xeito, a voceira nacionalista trasladou as queixas dun cidadán vigués que leva máis dun ano sen cobrar o que lle adebeda o Concello de Vigo.

“Gustaríanos lembrarlles que os cidadáns e cidadás de Vigo tamén son provedores e polo tanto merecen que se lles respecte e se lles pague de xeito áxil”, salientou Iolanda Veloso, quen criticou que o goberno local non dese ningún tipo de resposta ao correo electrónico enviado por ese cidadán.

Emendas sobre sanidade e ensino

O BNG presentou unha emenda a unha moción socialista que insta ao Sergas a non pechar camas na área sanitaria de Vigo. A iniciativa do Bloque, defendida por Xabier Alonso, reclama que non se peche o centro de saúde de Beiramar, e resultou aprobada coas votos de BNG e PSOE e o voto en contra do PP.

Outra das emendas presentadas polo BNG, e aprobada por unanimidade, consiste na modificación do acordo dunha moción presentada polo PP sobre necesidades educativas especiais. Deste xeito, o pleno insta ao goberno municipal e á Xunta de Galicia a apoiar definitivamente ás familias e alumnado que sofren os problemas dentro dos seus propios centros educativos. Segundo defendeu Iolanda Veloso, solicítase a creación dun programa que contemple diferentes accións para lograr a inclusión educativa plena posto que desde as súas vivencias en centros de ensino público, se entende que hai un obxectivo común que é a inclusión real no eido socioeducativo, que vai máis alá da mera integración en centros de ensino ordinario.

Este programa inclúe a colocación de pictogramas para persoas con autismo, que permitirá sinalizar graficamente lugares como comercios, colexios, hospitais, centros de saúde, puntos de interese turístico, locais de hostalaría, recintos deportivos, etc, e serve para sensibilizar cara ao autismo e outras vías de comunicación aumentativa.

Emenda teatro

O Bloque tamén presentou unha emenda a unha moción popular que insta ao goberno local a estudar a posibilidade de crear un Festival Internacional de Teatro relacionado coa cultura galega e latinoamericana. Segundo explicou Santi Domínguez, na súa proposta o BNG reclama a recuperación dos eventos no eido do teatro que se celebraban en Vigo así como a instar á Xunta de Galiza a paralizar os recortes neste eido e reclamar ao goberno do Estado a eliminación do IVE do 21%. Esta iniciativa resultou aprobada por unanimidade.

Emenda vivendas

Unha das emendas presentadas polo BNG e rexeitadas referíase ao uso das vivendas de propiedade municipal a aluguer social. A proposta nacionalista rexeitada polo PSOE instaba tamén a promover a construción de vivenda de protección oficial e a axilizar a tramitación das axudas sociais que permitan as familias facer fronte ao pago das súas vivendas.

 

Iolanda Veloso insta ao goberno local a pagar á cidadanía coa mesma celeridade da que presume