Iolanda Veloso reclama que o novo hospital de Vigo dispoña de laboratorio central

Iolanda Veloso reclama que o novo hospital de Vigo dispoña de laboratorio central

OLYMPUS DIGITAL CAMERAA voceira do grupo municipal do BNG presentou hoxe a moción que se debatirá no pleno ordinario do mes de xullo, na que se reclama que o novo hospital de Vigo dispoña de laboratorio central. Segundo a portavoz nacionalista, a decisión da consellería de sanidade de desviar o laboratorio do CHUVI ao hospital do Meixoeiro, como xa ten denunciado o persoal profesional que se encarga de análises clínicas, é “especialmente preocupante, e vai ter graves consecuencias para a saúde da cidadanía”.

Tal e como explicou Iolanda Veloso, de acordo coa opinión expresada polo persoal profesional dos servizos afectados, “non existe ningún criterio científico que xustifique a medida e pola contra ameázase a calidade asistencial. Tampouco é xustificábel por criterios de eficiencia económica, pois a nova situación vai supoñer duplicar o gasto e perder tempo no traslado das mostras, mesmo pode acabar implicando a perda de servizos como os transplantes. Isto demostra que estamos diante doutro intento do PP de camiñar cara á privatización da Sanidade Pública, xa que esta decisión semella ser o paso previo para a cesión da xestión a iniciativa privada e seguir utilizando a Vigo como avanzadilla para a futura privatización de todos os laboratorios que controla o SERGAS”.

Tamén mencionou a portavoz municipal a precarización das condicións nas que se atende á cidadanía, como é o caso do hospital do Meixoeiro, que a pesar das súas deficiencias non vai ser reformado pola consellería tal e como se comprometera.

O BNG considera fundamental que o pleno da corporación municipal de Vigo emita un pronunciamento inequívoco na reclamación deste laboratorio central, xa que no anterior pleno a moción presentada polo PSOE non se poido aprobar pola non asistencia ao mesmo de dúas persoas dese grupo, entre elas o alcalde.

Por outro lado, a voceira nacionalista criticou a posición contradictoria do goberno municipal vigués entre o seu discurso e a súa práctica política: “no anterior pleno sufrimos unha situación difícil de entender, xa que non se pode pedir a dimisión da conselleira de sanidade ao tempo que se facilita a construción das acometidas ao novo hospital cos cartos dos vigueses e viguesas.

Iolanda Veloso reclama que o novo hospital de Vigo dispoña de laboratorio central