Miranda: “Todos os pobos teñen dereito a súa autodeterminación, o saharaui e o galego"

Miranda: “Todos os pobos teñen dereito a súa autodeterminación, o saharaui e o galego"

A candidata nacionalista mantivo unha xuntanza coa delegación saharauí e coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, onde defendeu que “os acordos pesqueiros e agrícolas da UE con Marrocos deben facerse cos lexítimos donos deses recursos, que é o pobo saharauí”

xuntanza saharauis web

Vigo, 22 de abril 2014.- A cabeza de lista do BNG ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, defendeu hoxe que “todos os pobos do mundo, entre eles o pobo saharauí e o pobo galego, teñen dereito á súa autodeterminación e a decidir libremente o seu futuro”. No transcurso dun encontro en Vigo coa delegación saharauí e coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, a candidata nacionalista mostrou o apoio do BNG á “causa xusta” do pobo saharauí.

Miranda denunciou que os acordos bilaterais da UE con Marrocos, por exemplo o acordo pesqueiro e o acordo agrario, significan o “espolio” dos recursos do pobo saharauí porque non ten en conta o recoñecemento dos dereitos do pobo saharauí sobre ese territorio e eses recursos. “Nós os galegos, que somos un país pesqueiro, queremos pescar, pero queremos pescar con acordos cos lexítimos donos deses recursos”, defendeu a cabeza de lista do BNG.

xuntanza saharauis web 2A candidata nacionalista denunciou a “dobre moral” do PP e o PSOE, “que fan lobbie en Bruxelas a favor de Marrocos, e polo tanto en contra do pobo saharauí e os seus dereitos”. “PP e PSOE teñen que posicionarse dunha vez en relación á misión da MINURSO e a un acordo duradeiro amparado pola ONU”, dixo Ana Miranda, que instou aos candidatos do PP e do PSOE ao Parlamento Europeo a “posicionarse claramente a prol do pobo saharauí e da xustiza internacional, como fai o BNG”.

O apoio á “causa xusta” saharauí, no ADN do BNG

Ana Miranda lembrou que “a defensa da autodeterminación e o apoio ao pobo saharauí non é unha cuestión electoral para o BNG, senón que forma parte do ADN do BNG, da nosa visión internacional e dos nosos principios fundacionais”, dixo. A candidata nacionalista formou parte nesta lexislatura do Intergrupo de apoio ao Pobo Saharauí no Parlamento Europeo.