UNHA NOVA GALIZA

Montse Prado: "Para o BNG unha das prioridades do novo Goberno galego ten que ser un cambio radical no modelo de atención das persoas maiores"

A deputada do BNG e candidata número 2 pola circunscrición de Pontevedra mantivo un encontro en Vigo coa Federación REDE, de usuarias e familiares de residencias e dependencia.

A fronte nacionalista demanda unha Comisión de Investigación para poñer luz sobre o acontecido nas residencias, onde perderon a vida 4 de cada 10 persoas falecidas no noso País a causa do coronavirus.

Montse Prado: "Para o BNG unha das prioridades do novo Goberno galego ten que ser un cambio radical no modelo de atención das persoas maiores"

O BNG mantivo esta mañá en Vigo un encontro con representantes da Federación Galega de Usuarias e Familiares de Residencias e Dependencia REDE, para abordar a situación dos servizos asistencias e residencias de maiores. No mesmo tomaron parte a deputada, e candidata número 2 polas circunscrición de Pontevedra, Montse Prado, a candidata número 3, Alexandra Fernández e mais o responsábel local do BNG de Vigo, Serafín Otero.

Ao remate, Prado expresou o compromiso por facer do "cambio radical no modelo de atención das persoas maiores" unha verdadeira prioridade para o novo Goberno galego. "A crise fixo emerxer a realidade latente nas residencias. Unha situación que Feixóo e o Partido Popular coñecían de sobra, tanto por informes do Consello de Contas, como por actas da inspección, como polas reiteradas denuncias do propio Bloque Nacionalista Galego", afirmou.

montse02Para a deputada nacionalista o "drama" vivido nas residencias foi derivado do modelo asistencial deseñado polo Partido Popular no que a Xunta "actúa como representante comercial ao servizo das empresas privadas do sector en lugar de garantir unha atención digna e a debida protección dos dereitos dos nosos maiores". "En 11 anos de goberno do PP de Feixóo non se creou ningunha praza de residencia de xestión pública", exemplificou.

Investigación e novo modelo

Prado subliñou a gravidade de que o 45% do total dos falecementos rexistrados en Galiza a causa da Covid19 se produciran entre usuarios e usuarias de residencias (274 de 619). "Houbo centros onde perderon a vida 4 de cada 10 usuarias e usuarios e outros nos que o contaxio chegou a atinxir case o 100% das persoas residentes", explicou.

Diante desta realidade "insoportábel", a candidata acusou o PP de pretender actuar como "se nada tivese pasado pero non llo imos consentir". Neste sentido, defendeu a necesidade de crear unha Comisión de Investigación que poña luz sobre o acontecido e que permita adoptar todas as medidas necesarias para evitar que esas situacións se volvan producir.

Para a deputada do Bloque a realidade vivida durante a pandemia do coronavirus visa, para Prado, a necesidade urxente de "ir a outro modelo de residencias". "Galiza precisa poñer en marcha un modelo público, con servizos suficientes, dotado do persoal necesario, coa debida atención sanitaria e con centros máis reducidos e próximos ao territorio. Ese é o compromiso do BNG", resumíu.

Montse Prado: "Para o BNG unha das prioridades do novo Goberno galego ten que ser un cambio radical no modelo de atención das persoas maiores"