Serafín Otero: “Cómpre crear unha empresa pública que remunicipalice os servizos do Concello”

Serafín Otero: “Cómpre crear unha empresa pública que remunicipalice os servizos do Concello”

O candidato nacionalista mantivo unha xuntanza coa executiva comarcal de CCOO para trasladarlles as principais propostas do BNG para as vindeiras municipais

 

xuntanza ccoo 2Vigo, 8 de abril de 2015.- O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Serafín Otero, defendeu a necesidade de “crear unha empresa pública que se puxera a traballar para remunicipalizar os servizos públicos que neste momento non están municipalizados”. Para o nacionalista é fundamental “mellorar os servizos públicos municipais e recuperar os servizos públicos, como son o transporte e a auga”.

Serafín Otero explicou que o cometido desa empresa pública sería concretar as características da remunicipalización de cada servizo público e analizar como se vai desenvolver cada caso. “Entendemos que esa é a mellor fórmula”, destacou, para que “ao final non sexa exclusivamente unha promesa que se leva ao pleno pero que non se desenvolve nunca”, engadiu.

“Do que se trata, en primeiro lugar, e da creación desa empresa, para que faga un estudo para que as concesións sexan directamente xestionadas desde o concello”, sinalou Otero. En resposta aos medios apuntou que se deberían analizar todos os casos, pero que as de limpeza, tanto as referidas á limpeza das instalación municipais como da cidade, “sería moi factible que puidesen ser xestionadas directamente polo concello”, asegurou.

xuntanza ccoo 1O candidato do Bloque resaltou que unha das iniciativas do programa é “poñer enriba da mesa a creación dunha empresa pública que se adique a recuperar os servizos e que sexan totalmente municipais e reorganizalos na súa totalidade”.

Serafín Otero sinalou que a xuntanza con CCOO se enmarca na rolda de encontros cos distintos movementos sociais, organizacións sindicais e empresariais da cidade co obxectivo de explicar o programa do BNG, especialmente as cuestións referidas a emprego e servizos sociais. No encontro, ademais do cabeza de lista participaron tamén o candidato 3, Manuel G. Moreira; e o candidato 5 e secretario comarcal, Manuel Caride.

Portas abertas

A secretaria comarcal de CCOO, pola súa banda, Amelia Pérez, manifestou que como organización sociopoilítica ten as portas abertas aos partidos políticas. ”Nestas xuntanzas non é só escoitar ao candidato senón tamén deixarlle mensaxes e deixarlle propostas enriba da mesa, porque creo que nós temos moito que dicir e moito que aportar”, destacou a responsable de CCOO, ao tempo que destacou que o encontro tamén ten o obxectivo de que o BNG presente o seu “proxecto de futuro para Vigo”.

Amelia Pérez criticou aos que en campaña eleitoral teñen “o feo costume de prometer unha cousa e facer totalmente o contrario como o Partido Popular” e considerou que “o máis serio” e xuntarse “e que nos falen das súas propostas”. “Despois das eleccións, se o BNG chega a gobernar esta cidade lle lembraremos o que falamos nesta xuntanza para que o cumpran”, rematou, desexando “moitísima sorte” ao candidato Serafín Otero e ao BNG.