Serafín Otero: “O Concello pode e debe facer moito para combater o paro e a precariedade”

Serafín Otero: “O Concello pode e debe facer moito para combater o paro e a precariedade”

O candidato nacionalista participou nun encontro con representantes sindicais da CIG no que salientou que é necesario “recuperar a actividade produtiva” de Vigo

 

Vigo, 30 de abril de 2015.- Creación de emprego e defensa dos dereitos laborais foron os principais eixos da intervención do candidato do BNG – Asembleas Abertas á alcaldía de Vigo, Serafín Otero, no encontro sindical celebrado hoxe. Para Otero, estes dous elementos son condicións indispensables para dar resposta ás necesidades persoas que sofren as consecuencias da crise, agravada polas políticas antisociais de PP e PSOE.

“Só no BNG temos alternativas reais as políticas de recortes impostas sucesivamente por socialistas e populares”, afirmou o candidato nacionalista na súa intervención, en referencia as reformas laborais, destacando asemade que o programa do Bloque de cara as vindeiras municipais recolle medidas dirixidas a crear emprego, “estable e de calidade”.

Serafín Otero subliñou que “malia que o emprego non é unha competencia municipal, a administración local non pode ser insensible á situación de desemprego e precariedade”, tendo en conta que en Vigo hai máis de 32.000 persoas en situación de desemprego. Neste sentido incidiu en que “é preciso reforzar as liñas de intervención municipal orientadas ao combate do desemprego e a recuperación da actividade produtiva na cidade”.

Observatorio das relacións laborais

Para o candidato nacionalista cómpre redefinir o plan de emprego municipal e aumentar o seu orzamento, dando prioridade ás persoas desempregadas de longa duración, mulleres, mocidade e persoas con discapacidade. Tamén defendeu a revisión dos actuais servizos de información e orientación laboral e a sinatura de novos convenios de colaboración coa Universidade de Vigo, Zona Franca e a Xunta de Galiza.

“Precisamos máis emprego si, pero emprego de calidade, con dereitos e salarios dignos” manifestou o candidato nacionalista. Nese sentido expresou a vontade do BNG de “traballar para que as condicións laborais dos traballadores e traballadoras de Vigo sexan o máis dignas posible”. Para garantir este obxectivo propuxo a creación dun observatorio local das relacións laborais, integrado polas centrais sindicais, empresarios e o propio concello. “Este observatorio ten que inspeccionar e supervisar as condicións laborais sobre calquera actividade que conte con financiamento municipal ou que sexa obxecto de contratación pública do Concello”, afirmou.

Cláusulas sociais

Serafín Otero considerou que a situación pola que atravesa as concesións municipais leva a necesidade de incluír cláusulas sociais en toda a contratación municipal e os pregos de condicións dos servizos concesionados. Entre estas cláusulas incluirase a prohibición de subcontratación a través de empresas de traballo temporal, mecanismos de limitación das horas extraordinarias e a subrogación do persoal.

“O incumprimento grave desas condicións deberá permitir ao Concello a rescisión do contrato ou o rescate da concesión”, asegurou o nacionalista, quen defendeu que as empresas que teñan conculcado gravemente o dereito dos e das traballadoras deben quedan excluídas dos procesos de contratación municipal. “O Concello non pode destinar nin un só euro público a empresas que non respecten os dereitos da clase traballadora” acrecentou.