Serafín Otero propón fomentar os programas para a vida autónoma das persoas con discapacidade

Serafín Otero propón fomentar os programas para a vida autónoma das persoas con discapacidade

O candidato nacionalista eloxiou o traballo de Aspanaex na visita que realizou as súas instalacións na xornadas de portas abertas da asociación

 

Vigo, 27 de abril de 2015.- O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Serafín Otero, visitou as instalacións de Aspanaex, con motivo do inicio das xornadas de portas abertas nas súas instalacións. No encontro, o candidato nacionalista transmitiulles que a integración das persoas con discapacidade é un dos obxectivos do BNG no eido dos servizos sociais e o benestar.

Serafín Otero felicitou á Asociación polo seu traballo a favor das persoas con discapacidade intelectual da provincia de Pontevedra e trasladoulles o agradecemento do BNG polo convite a participar na xornada de portas abertas. “Facedes un labor inmensa a prol da calidade de vida das persoas con discapacidade”, salientou.

O candidato do Bloque subliñou que cómpre traballar para que as persoas con discapacidade poidan desenvolver unha vida o máis autónoma posible, polo que defendeu a potenciación destes programas. Neste sentido fixo fincapé no traballo que desenvolve Aspanaex no seu centro de educación especial e no centro ocupacional para “promover o desenvolvemento de capacidades e habilidades” sen as que esa autonomía non se acadaría.

Máis emprego

Serafín Otero considerou que outro aspecto fundamental na consecución da autonomía é a posibilidade de acceder a un posto de traballo. Ao respecto defendeu a necesidade de incrementar as prazas para persoas con discapacidade, tanto na oferta pública de emprego como nas contratacións temporais.

Finalmente, o candidato nacionalista destacou que outra das medidas incluídas no programa do BNG se refire á ampliación e mellora dos programas xa existentes, tanto os estritamente municipais como os que se realizan en convenio coas diferentes entidades, como o transporte adaptado, o bono taxi e a teleasistencia.

 

Serafín Otero propón fomentar os programas para a vida autónoma das persoas con discapacidade