Xabier P. Igrexas: “Agardamos que o alcalde manteña unha posición firme en defensa do futuro de Vulcano no Consello de Administración do Porto”

O concelleiro do BNG reclama do rexedor vigués e tamén do Delegado da Zona Franca, que se opoñan de maneira clara a calquera intento de resolver a concesión do estaleiro de Teis. 

A fronte nacionalista advirte de que a desaparición definitiva de Vulcano sería unha “mazada brutal” para toda a industrial metal da cidade.  

Xabier P. Igrexas: “Agardamos que o alcalde manteña unha posición firme en defensa do futuro de Vulcano no Consello de Administración do Porto”
A poucas horas da celebración dun novo Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Vigo, convocado para este venres, o Bloque Nacionalista Galego reclamou do alcalde da cidade, que fai parte do mesmo, unha posición “firme e contundente” en favor da continuidade da actividade de construción e reparación naval en Vulcano perante calquera intento de resolver a súa concesión portuaria. 

O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, advertiu que “non podemos tolerar que a obsesión de López Veiga acabe por poñer fin definitivamente a unha actividade estratéxica para a cidade, para a nosa comarca e para o conxunto de Galiza como é o naval”. “Nas gradas do estaleiro de Vulcano ten que reactivarse a construción ou a reparación naval, así o entende un clamor que suma desde os sindicatos até as organizacións empresariais”, acrecentou. 

O edil nacionalita defendeu que “diante do debate que se vai dar mañá, Abel Caballero non pode porse de perfil e ten que opoñorse de maneira frontal a calquera intento de extinguir a concesión de Vulcano, porque sería tanto como asinar o certificado de defunción dun estaleiro que ten máis de cen anos de vida”.

Igrexas subliñou que nos datos da última Enquisa de Poboación Activa recóllese que no segundo trimestre deste ano destruíronse 1 de cada 5 empregos industrias na cidade, polo que chamou a “apuntalar, blindar e garantir o futuro dunha actividade fundamental para Vigo e iso pasa por evitar que a ofensiva contra o naval e en defensa de escuros intereses de López Veiga poida triunfar”.

A demanda dunha posición “de cidade” a fronte nacionalista tamén a fai extensiva ao Delegado Especial da Zona Franca de Vigo. “Estes días liamos unhas declaracións de David Regades nas que navegaba nunha neutralidade absolutamente inxustificábel. Non é igual para o tecido produtivo de Vigo que en Vulcano poida volver a haber actividade industrial naval ou López Veiga acabe saíndose coa súa, desertizando o estaleiro para o converter nun anexo para instalar contedores”, explicou. Aliás, o Igrexas anunciou que o BNG tamén trasladará esa demanda á alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, a través do seu portavoz municipal nese concello, Xoán Carlos González.  

“Se de verdade se quere defender os intereses da cidade, no Consello de Administración do Porto, tanto Caballero, Regades e Rivas teñen que poñerse do lado do sector naval. Agardamos que os votos destes tres representantes do PSOE non contribúan a poñer punto final a un estaleiro como Vulcano”, remachan. 

Xabier P. Igrexas: “Agardamos que o alcalde manteña unha posición firme en defensa do futuro de Vulcano no Consello de Administración do Porto”