CORONAVIRUS

Xabier P. Igrexas: “A cultura é un ben de primeira necesidade, temos que protexer o tecido cultural de Vigo das consecuencias da crise do coronavirus”

O BNG promoverá unha moción no Pleno de mañá para que o Concello de Vigo despregue unha batería de medidas extraordinarias de apoio e impulso ao tecido cultural da cidade.

A fronte nacionalista propón unha Mesa Cultural da Cidade, evitar a cancelación das actuacións xa contratadas, priorizar grupos locais e en lingua galega, poñer en marcha unha programación municipal nunha plataforma dixital e liña de axudas extraordinarias.

Demandan tamén a implicación de Xunta de Galiza e Goberno español para evitar que a crise do coronavirus desertice a actividade cultural na cidade.  

Xabier P. Igrexas: “A cultura é un ben de primeira necesidade, temos que protexer o tecido cultural de Vigo das consecuencias da crise do coronavirus”

O Bloque Nacionalista Galego presentou en rolda de prensa virtual esta mañá a moción que levarán a debate no Pleno deste mércores no Concello de Vigo. A iniciativa da fronte nacionalista recolle unha batería de medidas extraordinarias, por parte de Concello, Xunta e Goberno español, de apoio e impulso ao tecido cultural da cidade para evitar as consecuencias da crise do coronavirus.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, sinalou que estas propostas complementan as xa formuladas polas nacionalistas demandando un Plan de Protección Social e unha Estratexia de Promoción Económica e o Emprego a nivel local.  “Entendemos necesario que as administracións públicas, e tamén de maneira concreta o Concello de Vigo, actúen para apuntalar a actividade cultural da nosa cidade nun momento no que o seu tecido asociativo e profesional enfrontan riscos que poden ser letais”, explicou.

Igrexas alerta de que tanto as entidades e asociacións implicadas na acción cultural como a súa industria, na que son predominantes microPemes e autónomas, enfrontarán “a loita pola súa propia subsistencia” unha vez superada a emerxencia sanitaria, toda vez as restricións para a actividade pública poden ser letais para este sector.

“Julio Cortázar definiu cultura como ‘o exercicio profundo da identidade’. A cultura defínenos a nivel civilizatorio, social e individual. Sen cultura non hai cidadanía e, xa que logo, tampouco pode haber cidade. A cultura non é un elemento accesorio, trátase dun ben de primeira necesidade e un dereito social. Prescindir dela é un luxo que non nos podemos permitir” enfatizou o portavoz municipal nacionalista.

Propostas

Na moción do Bloque propoñen que se poña en marcha unha Mesa Cultural da Cidade, como espazo de diálogo e participación dos colectivos culturais e mais a industria cultural de cara ao redeseño da política cultural do Concello, en tanto que non se cree un Consello Municipal de Cultura.

A nivel municipal tamén demandan o deseño dun Programa Extraordinario de Apoio á Actividade Cultura, que inclúa entre as súas medidas a reprogramación das actuacións e eventos xa contratados (para evitar a súa cancelación), e priorizar o tecido cultural e a promoción da lingua galega na contratación. Tamén demandan que se habilite unha plataforma dixital que permita albergar unha programación cultural municipal coa participación remunerada das compañías, grupos e agrupacións locais das diferentes disciplinas artísticas así como para a difusión da creación audiovisual, e tamén que a Rede Museística da Cidade poña en Rede unha “Sala Expositiva Virtual”.

A fronte nacionalista amósase partidaria tamén de que se adecúen os servizos bibliotecarios á nova situación, facendo que a Biblioteca Neira Vilas despregue un servizo de empréstamo a domicilio coas suficientes garantías preventivas.

A creación dunha plataforma para a comercialización en liña de artesanía, obras de arte e libros, poñéndoa ao servizo das creadoras e creadores locais e das librarías da cidade, e habilitar unha liña extraordinaria de axudas municipais en apoio das entidades culturais e a industria cultural, completan as propostas de ámbito municipal.

A nivel galego, a moción do Bloque insta a Xunta a impulsar políticas específicas en apoio dos sectores culturais, como liñas de axudas directas e créditos, a reprogramación evitando as cancelacións de contratos xa subscritos, a redefinición do Xacobeo 2021, a creación dun bono cultural para estimular o consumo e elaborar unha programación cultural máis ambiciosa na CRTVG. 

Por derradeiro, reclaman que o Goberno español reduza o IVE cultural do 10% ao 4% e dos cachés do 21% ao 10%.

Xabier P. Igrexas: “A cultura é un ben de primeira necesidade, temos que protexer o tecido cultural de Vigo das consecuencias da crise do coronavirus”