UNHA NOVA GALIZA

Xabier P. Igrexas: “O PP debeu ter comezado a campaña en Vigo pronunciando un ‘perdón’ tan grande como enorme foi o abandono da  Xunta de Feixóo”

O portavoz municipal do BNG advírtelle aos populares que fracasarán na súa estratexia de “ocultar con promesas unha década de incumprimentos” coa principal cidade de Galiza. “As viguesas e vigueses temos memoria”.

A fronte nacionalista chama a que o voto decisivo das viguesas e vigueses faga posíbel o “cambio galego” liderado por Ana Pontón, no que Vigo se converta no motor de todo o País.

Xabier P. Igrexas: “O PP debeu ter comezado a campaña en Vigo pronunciando un ‘perdón’ tan grande como enorme foi o abandono da  Xunta de Feixóo”

O Bloque Nacionalista Galego criticou con dureza a mensaxe do Partido Popular na cidade de Vigo no inicio da campaña electoral con rumo ao 12 de xullo. “Queren ocultar con promesas unha década de incumprimentos”, denunciou esta mañá o concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas. Igrexas, que participou nunha carpa informativa no barrio do Calvario, cargou contra o despregue de “anuncios millonarios e grandes promesas” do PP na cidade olívica. “O PP debeu ter comezado a campaña en Vigo pronunciando un ‘perdón  tan grande como enorme foi o abandono da Xunta de Feixóo”, afirmou.

O portavoz municipal nacionalista advertiulle aos populares que “se equivocan e ofenden a intelixencia das viguesas e vigueses, se pensan que agora con infografías, maquetas, proxectos e promesas millonarias van esquecer o total abandono que practicaron contra a principal cidade de Galiza”. Nese sentido, Igrexas desprezou a promesa de investimento de 5 millóns de euros na actual estación de autobuses para a converter nun centro interxeracional “despois de tela anos e anos nun estado ruinoso”.

“Corina Porro equivócase se pensa que agora con boas palabras e sorrisos a cidade vai esquecer os brutais recortes que o PP impuxo até facer de Vigo a zona cero da desfeita sanitaria. Ou se cre que en Navia non se van lembrar dos anos que lle levan dicindo non ao instituto que necesitan. Ou que alguén non vai ter presente como a súa inacción permitiu a desertización industrial da cidade poñendo en xaque o naval e ameazando a automoción”, enumerou o edil nacionalista, aludindo de maneira directa á ex delegada da Xunta  na cidade e candidata número 2 do PP por Pontevedra.

Fronte ao “abandono deliberado” que a Xunta de Feixóo practicou contra Vigo, Igrexas defendeu a necesidade de que o voto decisivo das viguesas e vigueses faga realidade o cambio galego, da man do  BNG e de Ana Pontón. “O voto de Vigo o 12 de xullo vai ser determinante para facer realidade o cambio galego, con políticas ao servizo das clases populares e traballadoras, que poña fin aos recortes e que coloque a Vigo como motor do País, volvendo ser o pulmón industrial de Galiza e converténdonos na capital galega da innovación, da tecnoloxía e das comunicacións”, asegurou.

Xabier P. Igrexas: “O PP debeu ter comezado a campaña en Vigo pronunciando un ‘perdón’ tan grande como enorme foi o abandono da  Xunta de Feixóo”