Xabier P. Igrexas: "O túnel da Porta do Sol é unha navallada ao corazón da cidade e alargalo até o Paseo do Afonso só a fará máis profunda"

O BNG aposta pola peonalización da Porta do Sol e do paseo pero prescindindo dunha intervención agresiva e inxustificada como é a tunelación.

Demandan a paralización das obras e anuncian que se dirixirán á Dirección Xeral de Patrimonio para garantir a protección efectiva dos restos arqueolóxicos e dos edificios BIC afectados.

Xabier P. Igrexas: "O túnel da Porta do Sol é unha navallada ao corazón da cidade e alargalo até o Paseo do Afonso só a fará máis profunda"

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, mantivo esta mañá unha xuntanza con representantes do colectivo Vigo Histórico. No encontro abordaron a problemática da tunelación de Elduayen, e a idea de a prolongar até o Paseo de Afonso, dentro do proxecto para a peonalización da Porta do Sol.

Igrexas volveu expresar o acordo do Bloque para "converter a Porta do Sol nun grande espazo peonil" lembrando que a formación nacionalista sempre apostou por un modelo de cidade no que se gañase espazo para as persoas sobre os coches, como demostraron as actuacións na praza da Independencia, no Calvario ou na praza da Constitución. No entanto, o edil reiterou o "total apoio" do BNG á veciñanza afectada e aos colectivos sociais do barrio que levan meses a defender unha peonalización sustentábel que non pase pola realización do túnel.

O portavoz municipal nacionalista advertiu de que o inicio das obras do túnel está a ser "apresurado e sen as mínimas garantías", como demostraron as perforacións realizadas sen autorización en varias fachadas de Elduayen, algunhas delas protexidas como BIC.

En relación á intención, filtrada na prensa, de prolongar o túnel agora até o Paseo do Afonso, desde o BNG apuntan que esa posibilidade ratifica o "sen sentido" do actual deseño do túnel que tronza Elduayen e que impediría, como advertiu a formación nacionalista, a peonalización do paseo. "O túnel da Porta do Sol é unha navallada ao corazón da cidade e alargalo até o Paseo de Afonso só a fará máis profunda", afirmou Igrexas que apostou nunha peonalización completa sen necesidade de túneis. "Non hai xustificación para o túnel. É unha actuación irracional en termos de deseño urbano, insustentábel a nivel ambiental porque soterra o tráfico pero non o reduce", resumiu.

Patrimonio

Despois de asegurar que "inda estamos a tempo de parar esta tolemia", demandando a paralización das obras, o Bloque anunciou que con carácter inmediato se dirixirán á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta e anticipan que promoverán as iniciativas que foren necesarias no Parlamento galego, para reclamar a efectiva protección sobre os restos arqueolóxicos e os bens protexidos que poidan ser afectados polas obras.

Lembran que en 2011 xa se puido comprobar, nas obras de superficie, o grande alcance de afeccións arqueolóxicas relacionadas coa antiga muralla da cidade. "Non se pode xogar coa historia da cidade polas presas para inaugurar unha macro obra", advirten.