RETRUQUE A ABEL LOSADA

Xabier P. Igrexas: “A verdadeira desconexión é a do Goberno municipal da situación de emerxencia laboral que se vive na cidade”

O BNG reacciona ás descualificacións do concelleiro de Emprego, Abel Losada, após a fronte nacionalista demandar un maior esforzo en políticas de emprego a nivel municipal. 

O Bloque lembra que na tramitación dos actuais orzamentos demandou incrementar as partidas de Emprego en 1.510.000 euros adicionais, proposta que contou co rexeitamento da maioría absoluta do PSOE. 

Xabier P. Igrexas: “A verdadeira desconexión é a do Goberno municipal da situación de emerxencia laboral que se vive na cidade”
“Entendo que despois de ver reducidas as súas competencias na última remodelación do Goberno municipal, o concelleiro Abel Losada actúe con certo nerviosismo defendendo o indefendíbel”. Desta maneira, reaccionou o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, ás declaracións realizadas polo edil responsábel da área de Emprego após a fronte nacionalista demandar un maior esforzo en políticas de emprego a nivel municipal

Neste sentido, o portavoz municipal nacionalista apuntou que “a verdadeira desconexión é a do Goberno municipal da situación de emerxencia laboral na cidade”. “Se cadra o problema está en que o argumentario que manexa Losada non recolle que no último ano a cidade sumou 2.099 persoas máis no paro, segundo os datos oficiais do paro rexistrado do mes de xullo. Ou que en Vigo hai 12.500 postos de traballo menos que en 2009, segundo indica a última EPA”, explicou.  

Diante desta situación, agravada polos efectos da crise do coronavirus con moitos millares de viguesas e vigueses afectadas por un ERTE, e á que se engaden as incertezas sobre actividades estratéxicas para a industria da cidade como a construción naval, para Igrexas “é evidente que hai que facer da promoción emprego, que é a principal preocupación da cidadanía, unha prioridade tamén nas políticas municipais”.

Orzamento

“Onte Losada acusaba de maneira delirante o BNG de non coñecermos o orzamento municipal, mais o que é evidente é que quen non estudou o expediente debeu ser el, xa que do contrario lembraría que foi precisamente o Bloque quen promoveu emendas coas que se incrementaban en 1.510.000 euros as partidas do seu departamento”, retrucou Igrexas, aludindo a dúas emendas para que o Programa de Axudas do Plan Municipal de Emprego, que motivou a controversia, pasara dunha dotación de 1.200.000 euros a 2.610.000 euros (un aumento do +117%), e que demandaban duplicar a partida do Plan de Emprego Xuvenil de 100 mil a 200 mil euros. Estas emendas foron rexeitadas pola maioría absoluta do PSOE no Pleno, incluíndo o voto do propio Losada. 

Para a fronte nacionalista a administración local, cun orzamento que supera os 267 millóns de euros, pode facer moito máis en materia de emprego polo que reiteran a urxencia de implementar unha Estratexia Local de Promoción Económica e do Emprego que permita enfrontar os efectos económicos, produtivos e laborais da crise da Covid. “Non ten sentido que este Goberno municipal destinase nos orzamentos máis recursos nas becas de inglés, nas luces de nadal ou en axudas a aeroliñas, que non se puideron executar, que a políticas de emprego”, remachou. 

Xabier P. Igrexas: “A verdadeira desconexión é a do Goberno municipal da situación de emerxencia laboral que se vive na cidade”