O BNG renova a súa dirección local para relanzar a alternativa nacionalista en Vigo

O BNG renova a súa dirección local para relanzar a alternativa nacionalista en Vigo

_O novo Consello Local reduce a súa composición de 36 a 27 integrantes. As novas incorporacións representan un terzo do total. Serafín Otero foi elixido novo Responsábel Local.

_“Non queremos ser unha oposición de rúa, queremos ser un goberno en construción desde a rúa, desde os barrios, coa xente” proclamou Otero, apostando nunha intensa acción política “en positivo e desde abaixo”.

bng01

VIGO, 17 de marzo de 2016.- No marco do proceso post-asemblear da XV Asemblea Nacional, o BNG de Vigo realizou esta tarde unha asemblea local para renovar os organismos de dirección da fronte na cidade de Vigo. A única candidatura presentada foi elixida co apoio do 96,15% dos votos emitidos e ningún voto en contra. A nova dirección está encabezada por Serafín Otero como novo responsábel-portavoz local.

Coa intención de revitalizar a organización, reducindo a burocracia e apostando polo activismo, desta volta elimínase a figura da Executiva Local e decidiuse reducir a composición do Consello Local, de 36 a 27 integrantes, para gañar en operatividade e tamén para reforzar o papel das asembleas locais, nas que pode participar toda a afiliación e están abertas a simpatizantes, como espazo de debate e decisión.

O novo consello local encabezado por Serafín Otero é unha lista paritaria en xénero, distribuída de maneira intercalada, e atinxe unha renovación de case un terzo dos e das súas membras. A candidatura liderada por Otero incorpora ademais a persoas todos os partidos, colectivos e sensibilidades que están organizados no seo do BNG, nunha aposta pola integración para reforzar a pluralidade da fronte nacionalista. Dela salientan activistas do campo estudantil, veciñal, cultural, na defensa dos servizos públicos e do eido sindical e a presenza da deputada no Parlamento galego, Carme Adán, e da exdeputada no Congreso, Olaia Fernández Davila. “Temos unha equipa renovada, na que hai novas incorporacións e tamén experiencia. Unha equipa solvente que será quen de lograr que o nacionalismo galego recupere un maior apoio popular”, explicou o cabeza de lista.

Henrique Vieitez que decidiu voluntariamente non continuar como Responsábel Local, non fará parte do novo Consello Local, mais expresou a súa plena disposición a continuar traballando polo BNG. A asemblea local agradeceu o traballo desenvolvido por Vieitez e a dirección anterior, recoñecendo o seu “enorme compromiso e dedicación”. “Seguiremos a contar contigo Henrique, como queremos contar con todos os homes e todas as mulleres que queren axudarnos a facer realidade o noso proxecto de cambio para Vigo e Galiza” declarou o novo Responsábel Local.

Relanzar o nacionalismo

bng02

A nova dirección fíxase como principal obxectivo o relanzamento da alternativa nacionalista na cidade de Vigo. Nese sentido, asume como tarefa pilotar no ámbito local o proceso de refundación do BNG que a XV Asemblea Nacional decidiu impulsar.

Ese relanzamento materializarase na multiplicación dos contactos co tecido social e organizativo da cidade, tecendo inda maior complicidades cos movementos sociais e tomando parte activa nas principais loitas e conflitos sociais.

Ademais, o Bloque despregará “de inmediato” un ambicioso paquete de iniciativas políticas para dar resposta en todos os ámbitos ás principais necesidades e preocupacións da veciñanza de Vigo, tanto a nivel social como a través da súa representación institucional nos parlamentos galegos e europeu e na Deputación de Pontevedra. “Alí onde estea presente o BNG vai haber unha voz firme en defensa da veciñanza de Vigo e do noso país”, enfatizou Otero.

En positivo e desde abaixo

Serafín Otero xa anunciou que a súa intención é impulsar un traballo intenso “de rúa”, en contacto directo coa xente e cos movementos sociais, “pateando os barrios” e poñendo encima da mesa propostas concretas diante da “inacción do Goberno municipal e o abandono da Xunta”. “Non queremos ser unha oposición de rúa, queremos ser un goberno en construción desde a rúa, desde abaixo, desde os barrios, coa xente” explicou, expresando tamén a certeza de que “moitos vigueses e moitas viguesas levan meses a botar en falta a presenza do BNG no Concello, notan a diferenza entre que o Bloque estea ou non”.

O novo responsábel local explicou que toda a acción política do BNG na cidade quere enfocarse en chave “positiva”. “Non nos imos limitar a contestar, nin a denunciar os erros e as eivas dos goberno municipal, da Xunta o do goberno español en relación a Vigo. A cidade non se cambia con queixas, senón propoñendo alternativas concretas e empurrándoas desde abaixo, co pobo” explicou.

Nese sentido lamentou que os primeiros meses do novo goberno municipal teñan confirmado a súa incapacidade para dar resposta aos problemas reais e concretos da veciñanza. “Seguimos cun transporte urbano de terceira división, son dúas veces máis os nenos e nenas que se quedan sen praza nas escolas infantís municipais que as que a conseguen, e vemos como non se poñen en marcha medidas urxentes e de reforzo para combater a violencia machista” exemplificou, aludindo tamén ao “evidente abandono do noso medio natural” e a “unha política de exterminio cultural”.

RELACIÓN DE PERSOAS QUE INTEGRAN O CONSELLO LOCAL DO BNG DE VIGO

    1. Serafín Otero                Responsábel – Portavoz Local
    2. Cristina Hermida          Vicereponsábel Local
    3. Félix Caride
    4. Belén García
    5. Xabier P. Igrexas
    6. Carme Adán
    7. Bernal Rúa
    8. Ana Belén Martínez
    9. Xésus L. Carreira
    10. Olaia Fdez. Davila
    11. Xerome Calero
    12. Begoña Portilla
    13. Xosé Manuel Atanes
    14. Maribel Tato
    15. Manuel Caride
    16. Ana Pérez
    17. Adrián R. Bravo
    18. Sandra Martínez
    19. Xoán Carlos Rodríguez
    20. Cristina Fojo
    21. Anxo Igrexas
    22. María Xosé Míguez
    23. Cristovo Vidal
    24. Xosefa Romero
    25. Eduardo Ruanova
    26. Amparo Alonso

[*] A esta relación sumarase a persoa designada por Galiza Nova, como representante da organización xuvenil do BNG.

[**] As responsabilidades organizativas e áreas de traballo serán asignadas polo novo Consello Local na súa primeira xuntanza, agás a Responsabilidade Local e Vice-responsabilidade xa elixidas estatutariamente pola asemblea.

Suplentes:

-Alexandre Louzao

-Lidia Fariña

-Diego Santorio

-Aurora Campos

-Xosé Sánchez

-Andrea Matilde Tato