O encontro aberto do BNG de Vigo aposta na necesidade dunha alternativa nacionalista para Galiza

O encontro aberto do BNG de Vigo aposta na necesidade dunha alternativa nacionalista para Galiza

DSC07478

_Participaron máis de 130 persoas e producíronse 17 intervencións durante máis de dúas horas de debate.

_No acto tomou parte a voceira nacional do Bloque, Ana Pontón.

VIGO 21 de abril de 2016.- O primeiro encontro aberto do Proceso Adiante, co que o BNG aposta no relanzamento do proxecto nacionalista, realizouse na tarde-noite de onte en Vigo. Durante dúas horas as máis de 130 persoas que participaron no acto, realizado nun céntrico hotel da cidade de Vigo, debateron arredor da situación do país, da estratexia do nacionalismo e de que forma organizativa é a máis acaída para o proxecto nacionalista. Producíronse 17 intervencións, sen límite de tempo.

DSC07438

O acto iniciou cunha breve presentación a cargo do responsábel local, Serafín Otero. Otero agradeceu de maneira especial a presenza dun numero importante de persoas simpatizantes e de representantes de colectivos como a Fronte Obreira Galega. O encontro foi conducido polo responsábel de iniciativas políticas e comunicación do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que puxo en valor que o Proceso Adiante é unha demostración de que o BNG “non é unha forza nin homologábel nin homologada aos demais partidos”, salientando que o debate que se inicia é completamente aberto. “Todo está sometido a debate, absolutamente todo, agás os principios que nos definen como unha alternativa transformadora ao servizo das clases populares e traballadoras, desde o nacionalismo e a esquerda” explicou. Igrexas concluíu a súa introdución defendendo que “ás forzas transformadoras, ás mulleres e aos homes que aspiramos a mudar a realidade, non nos derrota un mal resultado electoral. O único que nos pode derrotar é o pesimismo ou a frustración, por iso é tan importante esta posta a punto do proxecto BNG que é hoxe máis necesario que nunca”.

DSC07480A intervención central estivo a cargo da portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, en representación do Consello Nacional. Pontón explicou os obxectivos do Proceso Adiante e tamén a súa metodoloxía. A voceira animou a desenvolver un debate “franco, aberto e construtivo”, que teña por obxectivo “rectificar todo o que haxa que rectificar, mudar todo o que haxa que mudar, mellorar todo o que haxa que mellorar”, pero atinxindo conclusións e consensos de fondo que susciten a maior unidade. Pontón asumiu que o BNG padece un “retroceso electoral”, porén contrapuxo non está a retroceder nin a nivel político, nin organizativo nin na súa actuación social. Puxo o foco tamén en que estes meses xa se comezaba a notar a ausencia do BNG na corporación municipal de Vigo fronte ao desestre das políticas do actual goberno local, fixando como primeiro obxectivo a nivel local recuperar a representación institucional no Concello.

Na rolda aberta de intervencións, tomaron a palabra un total de dezasete persoas, sen límite de tempo. Nas mesmas defendeuse, entre outras cuestións, a vixencia e importancia da existencia do BNG como alternativa política, a necesidade de positivar e actualizar o discurso, o reforzo de novos liderados, a clarificación da mensaxe política centrándoa nas propostas e alternativas ou a aposta por sumar máis mocidade ao nacionalismo.

A este primeiro encontro aberto de carácter xeral, seguiralle unha rolda de encontros sectoriais e de formato máis reducido, nos que proseguirá a posta en común a partir da que se elaborará nos vindeiros meses unha proposta de teses, para o seu debate nunha asemblea nacional da fronte nacionalista antes de febreiro do ano próximo.

O encontro aberto do BNG de Vigo aposta na necesidade dunha alternativa nacionalista para Galiza