Serafín Otero: “Se o alcalde é imputado na operación Patos terá que demitir inmediatamente”

Serafín Otero: “Se o alcalde é imputado na operación Patos terá que demitir inmediatamente”

_O BNG fai unha valoración moi negativa dos cen primeiros días de goberno que resumen en “máis do mesmo e novas sospeitas de corrupción”.

_A fronte nacionalista presentou a renovación dos seus organismos de dirección local para “poñer a punto a organización”.

seraVigo, 23 de setembro de 2015.- O BNG realizou esta mañá a súa valoración dos cen primeiros días de goberno após os comicios do 24M. Fíxoo a través de Serafín Otero, que vén de ser designado responsábel de Política Institucional na Executiva Local do Bloque logo de encabezar a candidatura nacionalista nas pasadas eleccións. Otero resumiu este primeiro treito do mandato “máis do mesmo e novas sospeitas de corrupción”.

Nese sentido criticou a continuidade nas “políticas de escaparate dos últimos anos, que deixan sen atender as necesidades da veciñanza”. A continuidade non atinxe para o BNG só os contidos, senón tamén as maneiras, denunciando que se mantén o mesmo “talante autoritario e excluínte” dos últimos anos.

O dirixente nacionalista apelou directamente ao equipo de goberno de Abel Caballero para lles lembrar que “a campaña rematou”. “Hai que poñerse a traballar pola cidade”, urxiunos, facendo mención ás moitas necesidades que existen na cidade no ámbtio social, da sanidade, o transporte, a educación ou a cultura. “Con 17 concelleiros sigue facendo o mesmo que con 11: nada de nada”.

Logo de cualificar ao executivo socialista como “un goberno incapaz na xestión e sen proxecto político”, Otero criticou con dureza que Caballero priorice as súas “obsesións personalistas” por gañar protagonismo e peso interno no PSOE estatal e galego, en troca de se concentrar en atender os problemas da veciñanza. “Mentres Caballero anda de viaxes a Madrid a veciñanza continúa sen un transporte urbano en condicións ao novo hospital. Mentres fai a súa particular xira metropolitana, Vigo sigue sen conexión interurbano e sen transporte metropolitano. Mentres presume das políticas sociais de Vigo, as persoas que as precisan continúan agardando que se resolva o cheque social”, exemplificou.

Sospeitas de corrupción

A respecto das informacións que circulan arredor da operación Patos, Serafín Otero lamentou que a cidade teña “un goberno baixo sospeita de corrupción”. Nese sentido, insistiu na exixencia de que o propio alcalde responda e “dea a cara”, denunciando a falla de transparencia coa que o PSOE sigue a encarar esta cuestión.

O dirixente nacionalista considera que “ao marxe das responsabilidades penais hai responsabilidades políticas que deben ser asumidas”. O BNG considera que “as persoas encausadas, a principiar polo xa imputado Ángel Rivas, deben abandonar o goberno da cidade”. Unha exixencia “de hixiene democrática” que tamén defenden se debe aplicar no caso do rexedor se finalmente resultase encausado. “Se o alcalde é imputado debe demitir inmediatamente” defenden, lembrando ademais que “no Concello de Vigo non se fai absolutamente nada sen o consentimento do alcalde”.

Renovación e reforzo dos organismos

Durante a rolda de prensa foron presentados publicamente os resultados do proceso participativo iniciado no BNG da localidade logo das eleccións municipais. Segundo explicou o Responsábel local, o proceso caracterizouse por “un debate rico e moita participación”. Viéitez fixo fincapé no papel xogado polas asembleas abertas nas que o Bloque alenta a participación de persoas non afiliadas. Unha aposta que manterán.

As principais conclusións dese proceso de reflexión colectivo foron, en palabras de Viéitez, “a necesidade de alargar a base social do nacionalismo” e tamén a posta a punto da organización para enfrontar a nova etapa. Unha posta a punto da que a primeira medida adoptada foi a renovación dos organismos de dirección local. Desta maneira, ampliouse o Consello Local coa incorporación de dez novas persoas, maioritariamente activistas e referentes barriais. A Executiva Local tamén modificou a súa composición, coa entrada do ex-concelleiro Xésus López Carrera. Ademais definiuse unha recomposición das responsabilidades concretas no seo da Executiva. A este respecto o Responsábel Local salientou o importante papel que xogará Serafín Otero, quen logo de ser o cabeza de lista do Bloque pasadas eleccións municipais, asume agora a Responsabilidade de Política Institucional e exercerá como un dos referentes públicos da fronte.

Outros cambios son a designación de Xabier P. Igrexas como responsábel de Comunicación e Iniciativas Políticas, de Diego Santorio, como responsábel de Participación e Transparencia, de Raquel Vázquez, como responsábel de Emprego e promoción económica, de Belén García, como responsábel de Acción Social. Xésus López Carrera exercerá como responsábel de Cultura e lingua. Continúan na Executiva desempeñando as responsabilidades que xa viñan asumindo, Félix Caride, Responsábel de Organización, Cristina Ermida, Vice Responsábel Local, e Henrique Viéitez, como Responsábel Local.

Para a dirección do BNG todos os cambios van na liña de “poñer a punto ao BNG para encarar esta nova etapa política” e destacan que o proceso de renovación de organismos logrou que todas as sensibilidades existentes no Bloque estean presentes, reforzando deste xeito “a unidade desde a pluralidade”.