O Bloque demanda un transporte público en condicións ao novo hospital de Vigo

O Bloque demanda un transporte público en condicións ao novo hospital de Vigo

Propón que se implanten novas liñas de autobús ou se adecúen percorridos para conectar o conxunto da cidade co Álvaro Cunqueiro.

Urxe que se dupliquen as frecuencias da actual lanzadeira desde Praza de América e se habiliten tres máis na Praza dos Cabalos, Teis e Navia.

hospitalVigo, 29 de xullo de 2015.- Diante da falla de conexión cunha instalación fundamental como é o novo hospital da cidade, o BNG de Vigo iniciou esta mañá unha campaña coa que demandan un transporte público en condicións co Álvaro Cunqueiro. A fronte nacionalista realizou esta mañá un reparto informativo nas inmediacións do centro de saúde da Doblada e tamén na contorna do mercado do Calvario. Nel participaron militantes do grupo de barrio do BNG e varios integrantes da Executiva Local.

A inexistencia de liñas de transporte público urbano e interurbano cara ao hospital obriga a ter que desprazarse en vehículo privado e ao pago dun aparcamento caro, o que incrementa os gastos das persoas doentes. Unha situación intolerábel para as nacionalistas que xulgan que “non é de recibo que a estas alturas nin tan sequera haxa un plan para paliar esta grande deficiencia e teñamos que agardar ao 20 de agosto para, teoricamente dispoñer deste transporte”.

O Bloque denuncia a responsabilidade tanto da Xunta como do Concello de Vigo, pola súa “inxustificábel falla de planificación” e critican que a falla de cooperación entre ambas as dúas administracións, “motivada só por intereses partidistas”, volva ter consecuencias para a veciñanza.

Propostas

Para facer fronte a esta situación o BNG urxe ás administracións galega e municipal a poñeren en marcha de maneira inmediata un plano de transporte. Nese plano inclúen catro medidas concretas. En primeiro lugar, a implantación, ou adecuación do percorrido, na cidade de Vigo de liñas de autobús urbano que conecten co hospital cunha frecuencia mínima de 15 minutos, cun mapa que o faga accesíbel para o conxunto da cidade.

Ademais, dada a gravidade da situación propoñen que con carácter de urxencia e mentres estas novas liñas urbanas non se poñan en marcha, duplicar as frecuencias da actual lanzadeira (garantindo que esta sexa de como mínimo 15 minutos) desde a Praza de América, así como habilitar outras tres lanzadeiras adicionais: desde a Praza dos Cabalos, desde Teis (Travesía de Vigo – Bos Aires) e desde Navia (Avda. Atlántida), que poidan ademais recoller viaxeiras en diferentes paradas nas zonas que atravesen até destino.

Para alén da conexión urbana, demandan un acordo entre os concellos da área sanitaria de Vigo e a Xunta de Galiza, que artelle as liñas interurbanas de conexión co hospital, facendo uso de todas as modalidades de transporte colectivo (intermodalidade) e cunha frecuencia suficiente. Piden tamén que se estabelezan medidas de seguridade viaria que contemplen a ampliación de beirarrúas, pasos de peóns, semáforos, etc, que melloren o acceso peonil ao hospital.

 

_DESCARGA: Propostas por un transporte público en condicións ao novo hospital de Vigo (PDF)