O Bloque esixe que se paralice a venda das 21 vivendas municipais que quedan en Rosalía

O Bloque esixe que se paralice a venda das 21 vivendas municipais que quedan en Rosalía

A fronte nacionalista reclámalle ao goberno municipal que as destine a crear un parque municipal de vivendas para alugueiro social

 

Vigo, 8 de xuño de 2015.- Logo de se teren xa “malvendidos” 19 dos 40 pisos dos que é propietario o Concello de Vigo na rúa República Arxentina, a Executiva Local do BNG vén de esixir ao Goberno local que paralice a venda das 21 vivendas restantes. Reclaman que se destinen a crear un parque municipal de vivendas para alugueiro social, que permita o acceso ás persoas de escasos recursos.

A venda de case a metade das vivendas supuxo ingresos por importe de 3,1 millóns de euros. Unha cantidade suficiente para financiar a expropiación dos terreos necesarios para edificar a Cidade da Xustiza. O BNG opúxose desde o primeiro minuto a esta operación “especulativa” e foron reiteradas as iniciativas nacionalistas que demandaban destinar a uso social as vivendas municipais que, como no caso da moción presentada no pleno do 31 de marzo de 2014, foron rexeitadas de maneira conxunta por PSOE e PP.

Alugueiro social

A fronte nacionalista, asumindo que as vendas xa realizadas non son facilmente reversíbeis, esixe a paralización do proceso que afecta ás 21 vivendas que inda son propiedade municipal. “Nunha cidade na que se suceden os lanzamentos hipotecarios, onde constatamos unha situación de grave emerxencia social, o Concello de Vigo debe deixar de xogar a axente inmobiliario” aseguran.

Para estes pisos propoñen que sexan destinados a artellar un parque municipal de vivendas para alugueiro social. Unha medida que xulgan indispensábel para comezar a dar resposta ás necesidades habitacionais que hai na cidade, na que malia haber 18.500 vivendas baleiras moitas persoas non se poden permitir un8 alugueiro a prezo de mercado. “En lugar de tratar a vivenda como unha mercadoría coa que especular o Goberno municipal debe considerala como un ben esencial e promover o acceso social ao mesmo”.