O Bloque exixe a PSOE e PP que expliquen a súa ligazón coa trama da Operación Patos

O Bloque exixe a PSOE e PP que expliquen a súa ligazón coa trama da Operación Patos

As informacións transcendidas da investigación xudicial poñen ao Goberno municipal de  Abel Caballero baixo sospeita.

Reclámanlle ao Alcalde que asuma a súa responsabilidade política  e compareza públicamente para responder sobre feitos de tanta gravidade.

Vigo, 18 de setembro de 2015.- Após o levantamento do segredo do sumario da causa xudicial da chamada Operación Patos, fixéronse públicos algúns aspectos da investigación policial que apuntan directamente á participación de dirixentes do PSOE e do PP, nunha trama de corrupción destinada a favorecer a un determinado entramado empresarial na contratación pública. Diante da gravidade dos feitos, constatados nos informes policiais, para o BNG de Vigo tanto o PSOE como o PP deben esclarecer publicamente a súa ligazón con esa presunta trama de corrupción.

Neste sentido, para a fronte nacionalista é absolutamente insuficiente a negativa de teren recebido agasallos por parte da empresa investigada, tal e como expresaron no día de onte o Alcalde da cidade e dirixentes do PP. “Non se trata de que o Alcalde diga se lle regalaron ou non un reloxo. O que a veciñanza merece saber é se se favoreceu a mantenta a unha empresa nas obras que se pagan con diñeiro de todos e todas e a cambio de que” reclaman.

Goberno local baixo sospeita

En opinión do BNG o transcendido do sumario coloca ao Goberno municipal do PSOE novamente baixo sospeita. Unha sospeita que afecta por extensión, e de maneira inxusta, ao conxunto da administración municipal. Especial gravidade revisten, para as nacionalistas, as referencias a numerosos encontros entre o principal encausado con concelleiros do goberno de Caballero, como Ángel Rivas e David  Regades, ambos os dous con responsabilidades de peso na contratación pública do Concello. “Caballero debe explicar se é certo que se mantiveron eses contactos e encontros con importantes membros do seu goberno e con que obxecto se celebraron”, polo que exixen que o Alcalde compareza publicamente para responder con total transparencia destas cuestións, asumindo a súa responsabilidade política.

O Bloque reitera a súa crítica diante da total opacidade coa que o PSOE ten afrontado esta causa xudicial até o momento. Lembran que as retiradas cuestións formuladas no Pleno nunca obtiveron resposta e que o Alcalde inda non informou de cal fora o obxecto e alcance do rexistro realizado nas dependencias municipais. “Vigo non merece ter un goberno local baixo sospeita de corrupción, de amaños para favorecer negocios privados como os encausados na Operación Patos ou no caso do Formigón”.