O Bloque rexeita o novo regulamento orgánico do pleno por “antidemocrático”

O Bloque rexeita o novo regulamento orgánico do pleno por “antidemocrático”

_A fronte nacionalista formulará alegacións ao texto aprobado polo pleno só cos votos do PSOE.

_ “Este regulamento é a última demostración de que ao Alcalde sóbralle a cidadanía e moléstalle que a xente se exprese” denuncia Serafín Otero.

pleno2

VIGO, 13 de abril de 2016.- O BNG de Vigo rexeita o regulamento orgánico do pleno, aprobado inicialmente o pasado 30 de marzo e que no día de onte foi publicado no Boletín Oficial da Provincia, abríndose o período de alegacións ao mesmo. Para a fronte nacionalista os cambios introducidos teñen un claro carácter “antidemocrático”, ao laminar a xa escasa participación cidadá na administración municipal e limitar ao extremo a capacidade de control e fiscalización da acción de Goberno.

“Este regulamento é a última demostración de que ao Alcalde sóbralle a cidadanía e moléstalle que a xente se exprese” denuncia o responsábel local do BNG, Serafín Otero. Otero xulga que a “blindaxe” do pleno nunha corporación na que o grupo de goberno xa conta con maioría absoluta pretende instaurar “unha especie de nova ‘ditadura romana’ na que Caballero conte con plenos poderes sen dar conta a ninguén, e sen permitir actos de protesta pacíficos e simbólicos como portar un cartel”. “Con este regulamento o Alcalde só quere no salón de plenos a palmeiros do seu partido. É a súa particular versión da Lei Mordaza do PP”, criticou.

Alegacións

A fronte nacionalista comezou os traballos para a elaboración de alegacións contra o texto aprobado en solitario polo PSOE. As mesmas estarán orientadas non só a reverter os últimos cambios senón a “aprofundar e alargar o nivel de participación cidadá e de control democrático”. Durante o proceso de elaboración manterán contacto con organizacións e colectivos sociais.