O BNG exixe a Concello e Xunta que abandonen a lea partidista e actúen para evitar desafiuzamentos

O BNG exixe a Concello e Xunta que abandonen a lea partidista e actúen para evitar desafiuzamentos

_Denuncian a inacción do Goberno local diante dos tres últimos casos de familias que poden ser desafiuzadas.

_Critican o cinismo do Partido Popular que “nada ten feito por favorecer o acceso social á vivenda” desde a Xunta.

_Propoñen a creación dun parque público de vivendas e dunha “Unidade de Emerxencia Habitacional” no Concello, o reforzo dos servizos sociais municipais e a creación dun Consello de Vivenda Social.

vivenda

VIGO 27 de abril de 2016.- Diante dos tres últimos casos de familias viguesas que corren o risco certo de seren desafiuzadas, con procesos xudiciais que se resolverán nos vindeiros días e semanas, o BNG de Vigo vén de exixir a Concello e Xunta que abandonen a lea partidista e pasen á acción. “É lamentábel ver como PSOE e PP tentan encubrir a súa inacción diante dun problema social tan importante, cun espectáculo partidista como o que se viviu no último pleno”, criticou o Responsábel de iniciativas políticas e comunicación do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas. Igrexas reclamou que ambas as administracións actúen con axilidade para evitar que Merche, Ricardo e Isabel queden sen casa.

Para a fronte nacionalista o desleixo do Goberno municipal é patente, como confirma o feito de que a día de hoxe non se puxese en contacto coas persoas afectadas, malia que estas solicitaran até con 13 escritos unha xuntanza coa concelleira de Benestar Social e co Alcalde. “Estes tres casos deixan en evidencia que Caballero goberna de costas ás persoas, ignorando os seus problemas reais” reprocha Igrexas, para quen estes novos casos volven poñer o foco no “colapso dos servizos sociais municipais” que se mantén por mor de que para o PSOE a política social non é unha prioridade no Concello. “O problema é que as persoas con dificultades ás que se axuda non se poden inaugurar como as obras nas rúas, por iso son ignoradas por Caballero”. Exixen que o Concello reciba ás familias afectadas de maneira urxente.

O Bloque volve reclamar ao Concello que poña todos os medios materias e capacidades das que dispón para facer do combate da emerxencia social que se vive na cidade, a verdadeira prioridade da política municipal. “Non poden escusarse en falla de recursos, cando vemos como cada ano se amortizan de maneira anticipada créditos bancarios ou cando nin se chegan a executar as partidas previstas no orzamento municipal” critica Xabier P. Igrexas.

Aliás, para as nacionalistas a posición do Partido Popular nesta cuestión “é puro e duro cinismo”. “Simulan ter unha grande preocupación e sensibilidade social no pleno, pero a Xunta de Feijóo nada ten feito por favorecer o acceso social á vivenda” denuncia Igrexas. “Agora, en tempo de desconto para as eleccións autonómicas, a súa grande solución é un rexistro de vivendas, pero a xente non pode vivir dentro dun documento”, acrecenta.

Propostas

Emporiso, propoñen a creación dun parque público de vivendas na cidade que se poida destinar a alugueiro social. “Ese parque pode ser unha realidade mañá mesmo, porque o Concello podería destinar para uso social as vivendas de Rosalía de Castro que son propiedade municipal e deixar de xogar á especulación inmobiliaria con elas mentres hai xente que perde a súa vivenda” explica Igrexas. Lembran ademais que o Bloque opúxose desde “o minuto un” a que esas vivendas se “malvendesen” para financiar as expropiacións da Cidade de Xustiza, un proxecto que hoxe está no aire.

Propoñen tamén a creación dentro dos servizos sociais municipais dunha Unidade de Emerxencia Habitacional, que atenda casos como os de Merche, Ricardo e Isabel coa “máxima axilidade” procurándolles unha solución habitacional axeitada e duradoira no tempo. Reiteran a necesidade de reforzar con persoal suficiente os servizos sociais e apostan tamén na creación dun Consello municipal da vivenda social, no que participen organizacións sociais e outros axentes para favorecer o acceso á vivenda na cidade.”É indefendíbel que cando en Vigo hai máis de 18 mil vivendas desocupadas haxa xente sen teito, persoas que poidan perder a súa casa e que entrementres Concello e Xunta ollen a outro lado”.